30 de xuño de 2015

THE DENTIST...

THE DENTIST...

Terceira e última sesión da miña primeira endodoncia. Informe de incidencias:

45 minutos pampo, máis de 70 entradas en boca con diverso instrumental: tornos que botan máis auga que un túnel de lavado, aspersor de saliva que se che leva o escaso aire que podes respirar se tes catarro, espráis acedos, fume (si fume), luces que pitan e quentan sete tipos de masilla, ganzúas explora rendizas modelo Marathon Man, mandíbula tensa (facer panca co meu beizo inferior por punto de apoio non pode ser a mellor opción), encías reventonas cernadas por bandas separamoas sacadas dalgún armariño do marqués de Sade (hoxe non tocou anestesia, but why?)

Durante os interminables tres cuartos de hora de traxín (o que dura un capítulo de House, media final de Champions) que facer?, se pecho os ollos durmo (déficit de soño), se os abro móllomos co acuapark xurásico que hai montado na miña boca, e nin se che ocorra establecer contacto visual co doutor.

Toda frase súa "dóeche?" "iiiiimos aló", etc, é respostada por un nngggnnneeeehhh monocorde que ninguén sabe o que significa pero que el traduce como "eu tiro pradiante".

Cando ao fin (minuto 40) méteche o papeliño azul e diche "morde" antes de puírche as puntas do empaste que obtura o que vén sendo a endodoncia, comezas a sentir o final, respiras, xa se acaba. E así, tras o enxuague, atolondrado, baboso e parvo, levántas coa servilleta de papel en man, buscas as lentes, sorrís malamente ao bo doutor, el despídese co teu nome nos seus beizos, a enfermeira acompáñache ao recuncho de pagar, tiras de billetes novos recentemente collidos do sobre dos imprevistos, pagas o que che diga sen dubidalo, e aínda respondes "pedfecto!" cando pregúnta se o mércores que vén ás cinco vénche ben empezar coa seguinte peza.

DGM

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.