6 de xuño de 2015

Centenario de A metamorfose (XIII)

Aínda que Gregorio non podía obter directamente ningunha noticia, sempre estaba atento ao que sucedía nas habitacións contiguas, e en canto ouvía voces, corría cara á porta correspondente e pegábase a ela. Ao principio todas as conversacións referíanse a el, aínda que non claramente. Durante dous días, en todas as comidas discutiuse o que correspondía facer en diante. Tamén fóra das comidas falábase do mesmo; ningún dos membros da familia quería quedar só en casa, e como tampouco querían deixala abandonada, sempre había polo menos dúas persoas. Xa o primeiro día, a criada -da que non sabían ata que punto estaba decatada do ocorrido- rogáralle á nai que a despedise deseguido, e ao marcharse, un cuarto de hora despois, dando as grazas efusivamente e sen que ninguén llo pedise, xurou solemnemente que non contaría nada a ninguén.

A irmá tivo que axudar a cociñar á nai, cousa que, en realidade, non lle daba moito traballo, pois case non comían. Gregorio ouvíaos continuamente animarse en balde uns a outros a comer, sendo unhas «grazas, xa comín bastante», ou outra frase polo estilo, a resposta invariable a estes requirimentos. Tampouco bebían case nada. Con frecuencia preguntaba a irmá ao pai se quería cervexa, ofrecéndose a ir buscala. Calaba o pai, e entón ela engadía que tamén podían mandar á porteira. Pero o pai respondía finalmente cunha negativa tallante, e non se falaba máis do asunto.

Xa o primeiro día o pai expuxo á nai e á irmá a situación económica da familia e as súas perspectivas futuras. De cando en vez levantábase da mesa para buscar na súa pequena caixa de caudais -salvada de crébaa cinco anos antes- algún documento ou libro de notas. Ouvíase o chasquido da complicada fechadura ao abrirse ou volverse a pechar, despois de que o pai sacase o que buscaba.
Estas explicacións constituíron a primeira noticia agradable que escoitou Gregorio desde o seu peche. Sempre crera que ao seu pai non quedaba absolutamente nada do antigo negocio. O pai nunca lle deu a entender que fose doutro xeito, aínda que o certo era que Gregorio tampouco lle preguntou nada respecto diso.
Por aquel entón, Gregorio só se preocupara de facer o posible para que a súa familia esquecese canto antes o revés financeiro que os afundiu na máis completa desesperación. Por iso comezara a traballar con tal afán, converténdose en pouco tempo, de simple dependente, en todo un viaxante de comercio, con grandes posibilidades de gañar diñeiro, e cuxos éxitos profesionais se concretaban en substanciosas comisións entregadas á familia ante o asombro e alegría de todos.
Foran días felices. Pero non se repetiron, polo menos con igual esplendor, a pesar de que Gregorio chegara a gañar o suficiente como para levar por si só o peso de toda a casa. O costume, tanto na familia, que recibía agradecida o diñeiro de Gregorio, como neste, que o entregaba con gusto, fixo que a sorpresa e alegría iniciais non volvesen producirse coa mesma intensidade. Só a irmá permaneceu sempre estreitamente unida a Gregorio, e como, contrariamente a este, era moi afeccionada á música e tocaba o violín con gran entusiasmo, Gregorio confiaba en poder mandala ao ano seguinte ao conservatorio, a pesar dos gastos que iso levaría, e aos que xa atoparía modo de facer fronte. Durante as breves estancias de Gregorio xunto aos seus, a palabra «conservatorio» repetíase con frecuencia nas charlas coa irmá, pero sempre como un fermoso soño, en cuxa realización non se podía nin soñar. Os pais non vían de bo grado estes inxenuos proxectos; pero para Gregorio era un asunto moi serio, e tiña decidido anuncialo solemnemente a noite de Nadal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.