Estes pensamentos, agora tan superfluos, axitábanse na súa mente mentres, pegado á porta, escoitaba o que falaban na habitación contigua. De cando en cando, a fatiga impedíalle seguir escoitando, e deixaba caer cansado a cabeza sobre a porta. Pero deseguido volvía levantala, pois mesmo o levísimo ruído debido a este movemento seu, era ouvido pola súa familia, que enmudecía no acto.
-Que estará a facer agora? -dicía ao pouco o pai, sen dubida mirando cara á porta.
E, pasados uns momentos, renovábase a conversación interrompida.
Así puido decatarse Gregorio, con gran satisfacción -o pai estendíase nas súas explicacións, pois había tempo que non se ocupara daqueles asuntos, e ademais a nai tardaba en entendelos- que, a pesar da desgraza quedáralles algún diñeiro; non moito, desde logo pero aos poucos había ido aumentando desde entón, grazas aos intereses intactos. Ademais, o diñeiro que entregaba Gregorio todos os meses, quedándose para el unicamente unha ínfima cantidade, non se gastaba por completo, e había ido formando un pequeno capital. Tras a porta, Gregorio aprobaba coa cabeza, satisfeito de que existisen estas inesperadas reservas. Certo que con ese diñeiro sobrante podía pagar aos poucos a débeda que o seu pai tiña co dono, e verse libre dela moito antes; pero tal como estaban as cousas, era mellor así.
Agora ben, ese diñeiro era do todo insuficiente para permitir á familia vivir del; todo o máis bastaría para un ou dous anos, pero non para máis tempo. Por tanto, era un capital que non se debía tocar, pois conviña conservalo para caso de necesidade. O diñeiro para ir vivindo había que gañalo. Pero o pai, aínda que estaba ben de saúde, era xa vello e levaba cinco anos sen traballar; por tanto non se podía contar con el: nos últimos cinco anos, os primeiros de descanso na súa vida laboriosa, aínda que fracasada, engordara moito e volveuse lento e pesado. E como podería traballar a nai, que padecía de asma, que se fatigaba con só andar un pouco por casa e continuamente tiña que tombarse no sofá, coa xanela aberta de pao a pao, porque lle daban afogos? Tería, entón, que traballar a irmá, unha nena de dezasete anos, e cuxa envexable existencia consistira, até o momento, en ocuparse de si mesma, durmir canto quería, axudar nas tarefas da casa, participar nalgunha sinxela diversión e, sobre todo, tocar o violín?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.