Entre a Rúa do Vilar e a Rúa Nova existiu unha vez unha rúa chamada Entrerrúas, e digo existiu
porque foi tapiada por orde do Cabido da catedral para eliminar o lugar maldito onde morreu asasinado o arcebispo Don Suero Gómez de Toledo en 1366.
porque foi tapiada por orde do Cabido da catedral para eliminar o lugar maldito onde morreu asasinado o arcebispo Don Suero Gómez de Toledo en 1366.
A historia deste asasinato nace arredor dun preito por cuestións de terras e dominios entre a poderosa familia pontevedresa dos Deza-Churruchao e os monxes do Mosteiro de Aciveiro.
Unha polémica concesión do arcebispo de Santiago, Don Diego de Xelmírez, que nomeou para o cargo de xuíz meiriño a Don Suero Froilaz, da casa dos Traba, por cuestións políticas, provocou enfrontamentos entre os adversarios durante case douscentos anos ata chegar ao tráxico suceso en 1366 do axustizamento dun Deza polos seus actos contra propiedades dos monxes. Alonso Pérez de Deza foi condenado e acabou encarcerado en Compostela, falecendo ao pouco tempo. A súa viúva, a Marquesa de Camba, e o seu fillo, Fernando Pérez-Churruchao, xuraron vinganza.
Neste polémico momento, o país está sumido nunha guerra civil entre Don Pedro I e Enrique II de Trastámara. Dunha banda, está a alta nobreza galega, partidaria do rei Pedro I, e, doutra, o señorío eclesiástico e as casas menores da nobreza, que son partidarios de don Enrique.
A morte deste nobre de primeira orde é o detonante final. Aproveitando o apoio do rei Pedro I, Fernando Pérez marchou a Santiago de Compostela coa súa nai e, conseguindo burlar a garda, asasinou o deán e alcanzou o arcebispo, que caeu morto entre a Porta Faxeira e a Rúa Nova.
Existe unha variante desa lenda que asegura que este asasinato foi realmente ocasionado por mor dos celos. Pedro I o Cruel, nunha das súas numerosas viaxes a Galicia, coñeceu unha dama da que se namorou. Comezáronlle a chegar rumores de que o arcebispo de Santiago se gababa de compartir co rei os favores desa dama. Así que o rei Don Pedro aproveitou o odio dos Deza-Churruchao cara ao arcebispo para eliminar a competencia amorosa. Como di a cantiga popular:
Pretiño da Rúa Nova
Na Casa da Balconada
Mataron un arcebispo
Por celos dunha madama.
Na Casa da Balconada
Mataron un arcebispo
Por celos dunha madama.
O texto está recollido dun folleto TurGalicia
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.