24 de setembro de 2015

Fragmento de A canción do verán

A canción do verán é unha obra de Vicente Araguas, nado en Xuvia (Neda) o 24 de setembro de 1950, músico e escritor galego, un dos fundadores en 1968 do grupo Voces Ceibes.

Que cousas, naiciña, pero se este home non fai outra cousa que falar de si mesmo. Que se regatea, que se é un león coas mulleres, que se conduce a toda velocidade, que se vai e vén cun novelista que vai escribir a novela da súa vida. Carallo co campión. O mellor en todo, seica. En falar, desde logo, o primeiro. Veña a contarme cousas que eu non lle preguntara. E eu a calar e a escoitar, que para iso pagan. E o que paga, xa se sabe, manda. Do outro, pouco, ou case nada. O polvo do soldado, que din, e listo. Pero antes e despois, a falar. E eu ao meu, escoitar. Vaia, ho, se o homiño debeu pensar que eu era un crego ou cousa así. ¿Homiño? Non, homazo desde os pés á cabeza que tena máis que regular. Será de tanto cismar. Será. Porque este non é un home como os que atopo aquí a cotío. Mira que ter un novelista canda el para que lle escriba o libro da súa vida. ¿E cobrará o novelista? ¿Ou irá pola vida co meu cliente pola cara? Claro que, logo, cando se publique o libro encherá o peto. Digo eu. Porque, se non, vaia oficio. Máis tirado có meu, que xa é dicir. Porque eu, polo menos, cobro por non falar e escoitar. 
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario