21 de setembro de 2015

PICTURES OF BRIGHTON

En Brighton atopamos moitas máis cousas das que imaxináramos: a nosa primeira choiva británica, un ceo de chumbo precioso (os ceos de Londres merecerían un álbum aparte), unha praia de cantos avermellados ou 'pebbles' onde a xente non se baña e mira abrigada mentres cruxe o chan cara a unha Francia aínda afastada, os nosos primeiros (e últimos) 'fish&chips', avós con nena e salchicha, música de carrusel no paseo do litoral, tendas de souvenirs, o famoso e nostálxico 'Brighton Pier' cara ao que imos, unha feira nostálxica de 200 metros presidida pola gran nora, onde todo apela á nosa infancia e á dos nosos pais e avós, xogos de barraca penetrándose no mar, montañas rusas de nube, algodón e berro, grupos de mozos ingleses divertíndose en tragachelines dos 70, gaivotas de postal que planean á caza dun fish ou dun chip, tiras infinitas de tickets canxeables por agasallos gañados a marteladas sobre ratos de goma, no que creo foi o momento culmen da viaxe para as nenas, a súa tía e os seus desestresados pais.
Logo na tarde paseo polo pobo entre palacios orientais de reis caprichosos, entre xardíns, esquíos confiados e pequenas tendas de todo, flores, bandeirolas, ambiente, bandeiras arcoiris, postes de luz como teas arañas, farois parisien, chemineas de ladrillo sobre fachadas encaladas, Amy e Kurt presidindo o ceo dos músicos xa moi preto da Estación do tren. De regreso, no vagón de cola, un chocolate quente, unhas risas e unha partida de escoba con naipe español para terminar de rescatar e ancorar ás nosas memorias toda esta feliz infancia.

DGM

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.