28 de setembro de 2015

AEROLIÑAS

O verán, o meu inimigo tradicional, volveu a facer das súas, riuse de min outra vez. 
Este ano non me queimou nas súas praias, non me aburriu nas súas festas, mercadiños e concertos, non trouxo demasiada xente á miña casa, non. Só fixo o que peor me senta nesta vida: desconectoume de todo, sacoume da rutina e iso non está ben, ou non é o meu, deixoume baleiro con tanta festa e foto, Londres, Battiato, Caurel... en excelentes compañas. 
Porque a min adoitaban gustarme eses 365 días case homoxéneos, con poucos picos de lecer e moita obriga laboral que cumprir. Nesa dureza monótona atopaba a miña esencia, a miña faísca, a miña axenda, unha charla, tres whatsapp, media serie, unhas letras en fbk, unha canción, micropasións que equilibraban todas as responsabilidades dun autónomo con fillos ou dun profesional sen tese. Pero este verán foi distinto. Estivo xenial e, por tanto, o contrario. 
Xa avanzado setembro non teño ganas de nada, nin de traballar, por suposto, pero tampouco de ler a prensa, darlle ao youtube, olfatear GH, saber do cole... 
Non é síndrome postvacacional. Sinxelamente soltei o fío do hábito e perdinme. Así que non es ti, son eu, os meus voos regulares e os meus trens de proximidade.

DGM

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.