18 de febreiro de 2015

CEAR SANDÍA

CEAR SANDÍA
DGM

Hoxe espertei no medio da noite. Cear sandía en cantidade é como inxerir tres botellas de dous litros de auga, así que a miña vexiga exerceu de prematuro espertador. Novato que é un na arte de combater a calor con alimentos.

Totalmente aparvado incorporei en plena escuridade, e con tal preguiza que pasei de buscar lentes, zapatillas, pantalonciños e demais cachivaches, total o camiño coñézomo e a excursión sería breve.

Entón, mentres me agarraba á porta do armario vin a primeira luz: o pilotiño vermello do cargador do móbil no chan. Tratei de non pisalo ao saír e enfilei o corredor tamén ás escuras. A porta entreaberta do cuarto das nenas iluminaba o chan do corredor cunha tenue luz verde, que non era senón o matamosquitos eléctrico enchufado protexendo ás nosas ninfas. Dous pasos máis e xa estaba diante da cociña, onde os meus entreabertos ollos miopes viron outra luz vermella máis afastada, era o paciente lavalouzas anunciando que o seu programa curto rematara. Entrei e desconecteino pois hai que aforrar, dinnos. Volvín ao corredor tentando paredes e portas coas mans.

Cheguei ao baño e o piloto verde do cargador de pilas á beira dos cepillos de dentes completou esa especie de pista de aterraxe nocturna, de carreiro surrealista de luciérnagas tecnolóxicas. Mentres levantaba a tapa sorrin pero dentro do inodoro estaba ás escuras. Aterrei a sandía e volvinme á cama aliviado, luminoso e indemne.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.