12 de xuño de 2012

12 de xuño: Aniversario do Nacemento de Anne Frank.

Annelies Marie Frank, máis coñecida como Anne Frank, naceu en Francfort o 12 de xuño de 1929, polo que hoxe estaría de aniversario, mais finou en marzo de 1945, vítima do nazismo. Escribiu un diario no que conta o periodo en que estivo agochada das tropas da Alemaña (mais info na galipedia).

Mércores, 8 de xullo de 1942
Querida Kitty:
Desde a mañá do domingo até agora parece que pasasen anos. Pasaron tantas cousas que é coma se de súpeto o mundo estivese patas para arriba, pero xa ves, Kitty: aínda estou viva, e iso é o principal, como di papá. Si, é certo, aínda estou viva, pero non me preguntes onde nin como. Hoxe non debes de entender nada do que che escribo, de modo que empezarei por contar o que pasou o domingo pola tarde.
Ás tres da tarde -Helio acababa de saír un momento, logo volvería- alguén chamou á porta. Eu non o ouvín, xa que estaba a ler nunha tumbona ao sol na galería. Ao intre apareceu Margot toda alterada pola porta da cociña.
-Chegou unha citación da SS para papá -murmurou-. Mamá xa saíu para a casa de Van Daan. (Van Daan é un amigo e socio de papá.)
Asusteime moitísimo. Unha citación! Todo o mundo sabe o que iso significa. Na miña mente aparecéronse campos de concentración e celas solitarias. Seica iamos permitir que a papá levasenno a semellantes lugares?
-Está claro que non irá -aseguroume Margot cando nos sentamos a esperar no salón a que regresase mamá-. Mamá ha ir a preguntarlle a Van Daan se podemos instalarnos no noso agocho mañá. Os Van Daan esconderanse connosco. Seremos sete.
Silencio. Xa non podiamos falar. Pensar en papá, que sen sospeitar nada había ir ao asilo xudeu a facer unhas visitas, esperar a que volvese mamá, a calor, a angustia, todo iso xunto fixo que gardásemos silencio.
De súpeto chamaron novamente á porta. -Debe de ser Helio -dixen eu.
-Non abras -detívome Margot, pero non facía falta, ouvimos a mamá e ao señor Van Daan abaixo falando con Helio. Logo entraron e pecharon a porta. A partir dese momento, cada vez que chamasen á porta, unha de nós debía baixar sixilosamente para ver se era papá; non abririamos a porta a estraños. A Margot e a min fixéronnos saír do salón; Van Daan quería falar a soas con mamá.
Unha vez na nosa habitación, Margot confesoume que a citación non estaba dirixida a papá, senón a ela. De novo asusteime moitísimo e boteime a chorar.
Margot ten dezaseis anos. De modo que queren levar a mozas soas tan novas como ela... Pero por sorte non iría, o dixera mamá, e seguro que a iso se referiu papá cando conversaba comigo sobre o feito de escondernos.
Escondernos... Onde nos esconderiamos? Na cidade, no campo, nunha casa, nunha cabana, como, cando, onde? Eran moitas as preguntas que non podía facer, pero que me viñan á mente unha e outra vez.
Margot e eu empezamos a gardar o indispensable

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.