19 de xuño de 2012

Arredor de si, de Otero Pedrayo (III)

Un exministro, dos que subían paseando a modiñio, fixo o resumo, escoitado con respecto pola reunión:
—Señores, Galicia é Galicia, unha das boas térras de España. O que pasa é que moita xente aínda está nos tempos bárbaros e non sabe apreciar máis aló do horizonte do campanario do seu lugar. (Sinais de aprobación da xuntanza diante da fermosura da frase). Aló teñen que abrir os ollos e seguir as sendas do Progreso. (Máis topeñadas aprobatorias). Compre achegar Galicia á Porta do Sol para que Madrid deprenda a se aproveitar da fermosura e riqueza da Galicia. Camiños e vías férreas. Escolas, moitas e boas escolas. Levar as derradeiras vilas e aldeas o sentimento da grandeza da Patria. Fomentar o turismo no verán. Explotar as minas. Que os xoves listos poidan facer aquí carreira doadamente. Moitas veces teño exposto estas ideas en Consello de Ministros (un movemento de respecto e curiosidade contida).
Máis no proceloso mar da política teñen naufragado os mellores propósitos. (Ledicia da reunión ó se sentir franqueada os altos segredos do Estado). E deixarse dése rexionalismo reaccionario no que figura ahondar o señor notario. (Este aguanta, un pouco colorado, as olladas severas da asemblea). O que non quita que se admiren as nosas paisaxes, e se oian as nosas cancións populares e se reciten as poesías de bo fondo escritas no doce dialecto da Terrina... As poesías de... e de... ás veces fan encher os ollos de bágoas. (Grande emoción. Ata o rexistrador volta os ollos ó paseo para disimular). Voltando ó tema serio, as Rías poderían...
Un señor, ata o de entón calado e caviloso, exclama: "¡Ay, Noya de mi alma!"
Todos fican soñadores. Un lonxano cantar de gaita ecoa naquelas almas. Algún xa pensa en proponer un xantar enxebre, cando dous novos personaxes se axuntan á tertulia. Un é periodista e escritor de sona. O outro, Adrián. Preséntao. Adrián recibe olladas protectoras. Adrián experimenta unha lixeira congoxa.
O rexistrador: "É cousa rara. Os galegos para se facer homes teñen que saír da Galicia. Todos melloran. Igual aquí que na América. ¿Que sería Carracido en Santiago? Non pasaría de auxiliar da Facultade ou de boticario en Padrón ou en Ordes, polas intrigas locáis. Para min o expoñente do que vale Galicia é o grande número de políticos e maxistrados e homes de ciencia que se teñen ala criado... Máis todos precisan vir aquí ó centro, ó corazón da Península".

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.