Este rei era fillo de Xoán II de Castela e de María de Aragón, e medio irmán de Isabel a Católica.
Á idade de 15 anos casou coa infanta Branca de Navarra, da cal non tivo descendencia. Disolto o matrimonio casou logo con Xoana de Portugal. Da unión naceu unha filla, Xoana, lexítima herdeira ao trono. A ambición de Isabel polo poder fixo que fora acusada de ser filla ilexítima de Beltrán de la Cueva; de aí o alcume de Xoana a Beltranexa. Do rei decíase que era impotente, e outros consideran que era homosexual.
Asediado polas revoltas e as exixencias dos nobres, Henrique IV tivo que asinar un tratado polo que nomeaba o seu irmán Afonso lexítimo herdeiro. Tras a morte deste asinou con Isabel o Tratado de Toros de Guisando, segundo o cal a nomea herdeira, deixando a súa filla Xoana fóra da sucesión, a cambio dalgunhas cuestións, entre as cales está que Isabel non casaría sen a aprobación do rei.
En 1469, o rei, ante o matrimonio secreto entre a súa irmá Isabel e Fernando de Aragón, celebrado en Valladolid, considerou violado o tratado e proclamou a súa filla Xoana como herdeira ao trono, xurando publicamente que era filla lexítima. Á súa morte, acaecida en 1474, comezou unha guerra civil entre os partidarios de Isabel e os de Xoana a Beltranexa, que se decidiu o 1 de marzo de 1475 na batalla de Toro. En 1479 terminou a guerra quedando Isabel I como raíña de Castela.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.