17 de xullo de 2015

Inicio de GASOLINEIRA GALACTICA

GASOLINEIRA GALACTICA
Cristóbal Pérez Castejon

Data estelar, 2297924. A primeiro oficial veu ao meu despacho e da noite para o día soltoume que se nos esta terminando o nomonio. Así, sen preámbulos. Heime encabuxado tanto que acabei ensinando os dentes. Ao parecer tivemos que escapar tan a uña de Kalia II que non deu tempo a encher a lume de biqueira o deposito e agora andamos coa reserva. Se tan só eses chiflados dos berleis non estivesen a nos pisar os talóns... tamén foi mala sorte ir a chafar á mascota do embaixador de Berleia coa rampla de descenso da nave. Agora están empeñados en converternos en átomos e esparcirnos pola
galaxia. Aínda que obviamente, nós non estamos polo labor.
Por tanto, temos que atopar onde encher e rápido. Os sistemas de detección de longo alcance mostran algo parecido a un cruceiro a 50 anos luz da nosa posición actual. En menos de catro semanas terémolo encima... como a sorte non nos acompañe imos acabar como unha bonita alfombra no camarote dun comandante berliano.
A nosa mellor opción parece ser un sistema solar ao redor dunha estrela mediana de cor amarela. Non me gustan os soles amarelos: prefiro as estrelas azuis, como as do noso planeta natal. Ah!, a herba violeta á tardiña, xusto antes de empezar a caza... A boca fáiseme auga ao pensar na zumenta carne dunha presa. Estou até o fuciño de proteínas en cápsulas: os médicos din que as malditas pastillas conteñen todos os elementos necesarios para a nosa supervivencia, pero ao cabo de dous meses aburren miserablemente. Oxalá ao redor deste sol atopemos algún alimento mais completo...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.