10 de xullo de 2015

Inicio de PROCESO

PROCESO
Alfred E. Van Vogt

Baixo a brillante luz daquel afastado sol, o bosque respiraba e estaba vivo. Era consciente da nave que acababa de aparecer, tras atravesar as lixeiras brumas da alta atmosfera. Pero a súa automática hostilidade cara a calquera cousa alieníxena non ía acompañada inmediatamente pola alarma.
Por decenas de miles de quilómetros cadrados, as súas raíces entrelazábanse baixo o chan, e os seus millóns de copas se balanceaban indolentemente baixo miles de brisas.
E máis aló, estendéndose ao ancho dos outeiros e as montañas, e máis aló aínda, até o bordo dun mar case interminable, estendíanse, outros bosques, tan fortes e poderosos como el mesmo.
Desde un tempo inmemorial o bosque gardara o chan dun perigo cuxa comprensión se perdeu. Pero agora empezaba a lembrar algo deste perigo. Proviña de naves como aquela que descendía agora do ceo. O bosque non chegaba a determinar exactamente como se defendeu a si mesmo no pasado, pero si lembraba claramente que aquela defensa fora necesaria.
A medida que ía sendo máis e máis consciente da aproximación da nave a través do ceo gris-vermello que había sobre el, as súas follas rumorearon un eterno relato de batallas libradas e gañadas. Os pensamentos percorrían o seu lento camiño ao longo de canles de vibracións, e as ramas nais de centos de árbores tremeron imperceptiblemente.
O tamaño de tal tremor, afectando aos poucos a todas as árbores, creou gradualmente un son e unha tensión. Ao principio foi case impalpable, como unha suave brisa soprando a través dun verdeante val. Pero aumentou de intensidade.
Adquiriu substancia. O son chegou a envolvelo todo. E a totalidade do bosque agardou, vibrando a súa hostilidade, esperando a cousa que se lle achegaba a través do ceo.
Non tivo que esperar moito.
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.