3 de xullo de 2015

Inicio de O AMPLIFICADOR DE ILUSIÓNS

O AMPLIFICADOR DE ILUSIÓNS
Jack Massa

No interior da cabina de probas, Leon fixou a vista naquel obxecto orixe de todos os rumores. Tratábase dun casco translúcido con circuítos visibles e numerosos condutores que sobresaían na parte superior. Seguindo as instrucións, Leon tomou asento e púxose o casco.
A voz de Henderson chegou a través dos auriculares, lendo as instrucións redactadas mediante computador:
- Boas tardes. Proba 1152, Dispositivo de Amplificación do Mesocéfalo. Suxeito número 140, sesión primeira. Reláxese, por favor. Teña a bondade de distenderse e axustar a súa cadeira a intensidade de luz na cabina...
Leon xa apertara o botón que accionaba o respaldo do asento. Levaba case tres anos traballando por horas como suxeito de probas. Non é que tivese un interese especial na psicoloxía, pero o emprego era fácil e relativamente cómodo. Na década de 1990 todo o mundo traballaba por horas e as investigacións subvencionadas polo goberno estaban consideradas como unha das mellores fontes de emprego.
Leon amorteceu as luces... despois de polas ao máximo para comprobar se había altofalantes ou proxectores ocultos nos recunchos da cabina. Normalmente non era tan curioso, pero este dispositivo mesocefálico estaba a recibir o máis importante programa intensivo na historia da universidade. Rumoreábase que podía producir grandes sumas de diñeiro.
- Cando empecemos a proba - continuaba Henderson -, faga o favor de pechar os ollos e entregarse a unha ilusión agradable. Elixa un desexo ao azar e satisfágao. Ao quedar conectada a corrente sentirá un lixeiro formigueo debido á realimentación dos microelectrodos. Só ha de gozar desta sensación e proseguir coa súa ilusión.
Pedíranlle cousas menos agradables. Leon recostou...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.