13 de xullo de 2015

Aristóteles

ARISTÓTELES 

Unha pequena biografía de Aristóteles.

Filósofo e científico grego. Nado en Estagira (Macedonia), chamado o Estagirita.
Fillo de Nicómaco, médico de Amintas II.
Viaxou a Atenas con 17 anos con intención de asistir á Academia de Platón.
Ao falecer Platón, no ano 347 a.C., viaxa a Assos, cidade de Asia Menor na que gobernaba o seu amigo Hermias, ao que serviu como asesor, casándose ademais coa súa sobriña e filla adoptiva, Pitia. Tras ser executado Hermias a mans dos persas no 345 a.C., Aristóteles trasladouse a Pella, capital de Macedonia, onde foi titor do fillo menor do rei, Alexandre, que sería coñecido como Alexandre III o Magno.
No ano 335 a.C., ao acceder Alexandre ao trono, volveu a Atenas e fundou a súa propia escola: o Liceo. Como gran parte dos debates desenvolvíanse mentres paseaban polo Liceo, o centro foi coñecido como escola peripatética. Resumiu todo o saber da súa época, pero brillou especialmente nas ciencias naturais descritivas.
Foi autor da primeira clasificación dos animais, pai da anatomía comparada e mestre doutros científicos, como o botánico Teofrasto, o seu sucesor no Liceo. Rexeitou a teoría atómica de Demócrito e sostivo que a materia se orixina na mestura de catro propiedades fundamentais: quente, frío, húmido e seco, que se combinan entre si para dar lugar aos catro elementos ou esencias: terra, auga, aire e lume, aos que engadiu un quinto (a quinta esencia ou éter), que formaría os corpos celestes. Demostrou por varios métodos a esfericidade da Terra e sostivo que esta está situada no centro do universo.
Foi o primeiro en clasificar as ciencias, que dividiu en teóricas (matemáticas, física e metafísica), prácticas (ética, política e economía) e poéticas (poética, retórica, etc.). Nesta clasificación non se inclúe a lóxica, descuberta por el, pois é o instrumento para o recto discorrer en todas elas.
Tamén inventou o siloxismo, instrumento fundamental do pensamento occidental.
Aristóteles escribiu libros de divulgación, dos que só se conservan fragmentos, e outros de notas, para o círculo dos seus iniciados, dos que quedan 47.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.