1 de xuño de 2013

¿Sabes de que relatos se fala no texto?

Con todo, só eu son responsable da orde dos contos tal e como aparecen neste libro. E iso inclúe calquera erro ou incongruencia que poida pasar por alto. Establecín, á miña propia satisfacción, que os contos cadran mellor na orde que eu lles dei; só podo esperar que os lectores estean de acordo comigo.

Algúns detalles desta secuencia resultan obvios nun estudo dos contos. En "O ídolo escuro", por exemplo, lemos como o feiticeiro Namirrha destrúe a cidade de Ummaos en vinganza por unha antiga ofensa. En "O último xeroglífico" decatámonos de que Ummaos foi reconstruída sobre as ruínas dunha cidade máis antiga do mesmo nome, destruída hai moito tempo pola ira dun mago. 

Obviamente, "O ídolo escuro" precede a "O último xeroglífico" nun intervalo de tempo considerable. Pero que sucede entón con "O froito da tumba"? Neste conto dise que Namirrha viviu "hai moitos séculos". Está claro que este conto tamén vén despois do ídolo. Pero que relación ten co do xeroglífico? Aquí vinme forzado a escoller. 

Posto que Namirrha era aínda lembrado polo seu nome no período de "O froito da tumba", pero era soamente "un antigo feiticeiro" na época de "O último xeroglífico", decidín que este viría algo despois de "O froito da tumba". Quizá estea equivocado, pero este foi o meu razoamento.

Un traballo similar de detective literario decidiume a colocar "Xeethra" como o primeiro conto na ordenación. Neste caso, o meu razoamento baseouse no feito de que o país de Cincor estaba entón habitado, polo menos na súa parte sudoriental, e tiña herba suficiente para pastar, mentres que en "O imperio dos nigromantes", Cincor é un deserto estéril, tras ser as súas xentes destruídas pola peste hai longo tempo. Posto que Cincor non volve aparecer na serie, supóñoo un país moi antigo, xa moribundo en tempos de Xeethra, e morto no que se refire ao resto das historias, o que fai que sexa lóxico colocalo o primeiro nesta orde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.