HERMANN HESSE - A LENDA CHINESA
Isto cóntase acerca de Meng Hsie.
Cando soubo que ultimamente os artistas novos exercitábanse en colocarse
cabeza abaixo, dicían que para ensaiar unha nova visión, inmediatamente Meng Hsie
practicou tamén este exercicio. E despois de probalo un intre declarou aos
seus discípulos:
- Cando me coloco cabeza abaixo vexo o mundo baixo un aspecto novo e
máis fermoso.
Isto comentouse, e os novos artistas se ufanaban non pouco de que o ancián
mestre apoiase así os seus experimentos.
Sabíase que apenas falaba, e que ensinaba aos seus discípulos non mediante
doutrinas senón coa súa simple presenza e o seu exemplo. Por iso as súas manifestacións
chamaban moito a atención e difundíanse por todas partes.
Pouco despois de que aquelas palabras súas fixera as delicias dos
innovadores e sorprendido e mesmo indignado a moitos dos antigos, sóubose
que falara outra vez. Contaban que dixera:
- É bo que o home teña dúas pernas, porque porse cabeza abaixo non
favorece a saúde. Ademais, cando se incorpora o que estivo cabeza abaixo o
mundo aprece dobremente máis fermoso que antes.
Estas palabras do mestre escandalizaron aos mozos antipodistas, que se sentiron
traizoados ou burlados, e tamén aos mandarins.
- Tal día di Meng Hsie tal cousa, e ao día seguinte di o contrario -comentaban os mandaríns-. É imposible que ambas sexan verdadeiras. Quen fai
caso do ancián cando lle fraquea o entendemento?
Algúns foron a contarlle ao mestre o que dicían del tanto os innovadores
como os mandaríns. El limitouse a rir. E como os seus seguidores demandaran unha explicación, dixo:
- A realidade existe, pequenos meus, e esa é incontrovertible. Verdades, en cambio,
é dicir, opinións acerca da realidade expresadas mediante palabras,
hai moitas, e todas elas son tan verdadeiras como falsas.
E por moito que insistiron, os discípulos non conseguiron sacarlle unha palabra
máis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.