4 de maio de 2021

INICIO DE NON ACABARÁ CUN ESTALIDO

NON ACABARÁ CUN ESTALIDO 
por Damon Knight 

Dez meses despois de pasar por encima o último avión, Rolf Smith soubo sen dúbida que só sobrevivira outro ser humano. Esoutro ser humano chamábase Louise Oliver, e estaba sentada á mesa, fronte a el, na cafetaría dun drugstore en Salt Lake City. Comían salchichas de Viena enlatadas e bebían café. 

A luz do sol golpeaba como unha sentenza a través do vidro roto dunha xanela. Non se ouvían ruídos nin dentro nin fóra; só un sufocante rumor de ausencia. O son de pratos na cociña, o ruído xordo e pesado dos tranvías: nunca máis. Había sol; e silencio; e os ollos acuosos, asombrados, de Louise Oliver. 

Rolf inclinouse sobre a mesa e tentou atraer por un instante a atención daqueles ollos de peixe. 

-Querida -dixo-, claro que respecto o teu punto de vista. Pero teño que facerche comprender que non é práctico. 

Louise mirouno un pouco sorprendida, logo volveu apartar os ollos. A cabeza axitouse levemente. Non. Non, Rotf, non vivirei contigo en pecado. 

...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.