18 de maio de 2021

O nome Brigantium

O nome Brigantium

As comunicacións entre os finis-terraes do atlántico serviron no seu día para crear unha comunidade céltica oceánica, na que os brigantinos, asentados no noroeste de Galicia e tamén no centro de Britania, era un dos pobos principias.

O territorio que despois sería Gallaecia mantiña difíciles comunicacións cos seus veciños por terra, mais acontecía todo o contrario coas comunicacións marítimas que resultaban moi doadas. Así as relacións entre Galicia e as Illas Británicas comezaron nos tempos do Paleolítico, aumentaron no Neolítico e foron aínda maiores na Idade dos Metais.

Nun lugar estratéxico desta rede de comunicacións intercélticas aparecía a antiga cidade de Brigantia dos ártabros ou arrotrebas, no corazón do gran Golfo dos Ártabros. O céltico porto de Brigantia veuse transformado en Flavia Brigantium, en época romana. Era un punto de unión da Península Ibérica coas Illas Británicas e coas Galias atlánticas.

Diferentes historiadores sinalan o papel dos portos do norte de Galicia como punto de partida das migracións que levaron a cultura das mámoas ás Illas Británicas. Un dos puntos de partida destas emigracións prehistóricas foia Illa de Faro onde os celtas levantarían o santuario relixioso de Brigantia e os romanos organizarían o porto militar, Flavia Brigantium.

Os gregos deixaronos unha fermosa lenda de Hércules e Xerión, que tivera por escenario a Illa de Faro.

As primeiras noticias que temos por historiadores gregos e romanos anteriores á nosa era, dos primitivos poboadores das comarcas marítimas galegas, que tiñan no seu centro a actual cidade de A Coruña, informan de que estaban habitadas polos ártabros, que outras veces se chamaban arrotrebas, e que unha das grandes tribos deste gran pobo do noroeste era a dos brigantinos, que ocupaban o Portus Magnus Artabrorum (onde estaba a cidade ou pobo de Brigantia), e as bisbarras veciñas.

Estes vellos historiadores dan a entender que o pobo dos ártabros e o dos arrotrebas eran o mesmo. No noroeste de Francia debe estar unha rama deste mesmo pobo, que alí se chama Atrebate e tíñase pola tribo principal dos galos belgas. 

A capital destes galos belgas era Nemetacum, máis tarde coñecida por Arras, cidade que en na Idade Media foi a capital do condado de Artois. 

Mais difícil é precisar a relación que existía entre os brigantinos, que ocupaban a parte central das terras dos ártabros e estes mesmos, porque estes dous pobos aparecen como distintos e ocupando terras diferentes noutras partes de Europa, pero asociados un pouco a eles, como se foran da mesma familia. E moi posible que os brigantinos foran unha das ramas do grande pobo dos ártabros, pero un tanto diferentes e separados deles.

Brigantia era o grande santuario marítimo de Galicia nos vellos tempos celtas. 

No centro dese mundo céltico estaba o maior lago da Europa occidental, coñecido hogano coma Lago Constanza. Ese lago coñecíase no mundo céltico como Lago Brigantino e alí desembocaba o río Brigantino, hoxe vemos este orixe no nome da austríaca Bergantz. Máis tarde o lago recibiu o nome de Lago dos Suevos.

En Galicia son dous os deuses que se conservaron en dúas cidades Lugh, na forma latinizada de Lugus, deus común a todos os pobos celtas e Brigantia, deusa nai dos brigantinos.

En Irlanda tomaba a o nome de Brighd, a cal ó cristianizarse identificouse como Santa Brígida. A península da Torre, xa sagrada na época neolítica ou na Idade do Bronce, volveu a ser cos celtas un santuario aínda mais importante.

Os grandes santuarios mai vellos de Galicia son marítimos como San Andrés de Teixido, Nosa Señora da Barca en Muxía e o de Brigantia debeu de ser un dos mais famosos, pois na súa busca veu Publio Licinio Craso e mais tarde Julio César.

A Torre de Hércules ergueuse nun promontorio ao xeito dun castro. É un lugar visible dende boa parte dos castros das Mariñas.

Segundo lendas irlandesas Mil, tamén coñecido como Mileadh ou Milesio, era o neto de Breogán, fundador da alta Torre en Brigantia, e de alí partiu cos conquistadores de Irlanda. O historiador irlandés O'Clery ó darnos conta en 1893 da chegada á Coruña do seu biografiado, Hugo Roe O'Donnell, conta que un dos seus primeiros actos foi visitar a Torre de Hércules, de onde partiran os seus antergos. «Hai una fortaleza no reino de Galicia, en España. Alí está a Torre de Breogán, chamada Brigantia. Foi edificada, hai moitos séculos, por Breogán, pai de Bratha, e foi deste lugar de onde partiron os fillos de Milesio, fillo de Bratha para tomar Irlanda ós Tuatha De Danann»

Julio César tras vencer a lusitanos e galegos ó sur do Douro marcha ó norte coa flota en dirección a Brigantia, o Portus Magnus dos Ártabros. Era mais unha exploración que unha conquista. Á vista da poderosa escuadra os habitantes de Brigantia sometéronse sen loita ó poder de Roma.

Nembargantes o auténtico dominio de Galicia non chegou ata Augusto, sobriño e sucesor, quen veu a dirixir a campaña contra os pobos do norte (29 a 25 a. de C.). Brigantia quedou algo marxinada e asi a calzada XIX non chegou ata aquí. 

Houbo de agardarse á dinastía Flavia. Tivo nova vida como consecuencia das campañas para incorporar ao Imperio ás Illas Británicas.

Vespasiano, primeiro emperador dos Flavios concedeu o dereito do Lacio a moitas cidades hispanas. 

O Faro construído chegou a variar o nome de Flavia Brigantia, que ás veces aparece como Farum Brigantium e este nome de Faro pervivirá logo. Aínda hoxe na organización eclesiástica de Galicia aparece o arciprestazgo de Far.

É probable que Vespasiano levantara o seu faro nun lugar no que se levantaba a antiga torre precéltica, como os brochs das illas Shetland.

A calzada XX, coñecida por «Per loca marítima» chegou por fin a Brigantia, convertida nun poderoso porto. Esta vía, a máis nova era a máis vella de Roma onde se coñecía por Augusta ou Hercúlea.

Mentres existiu o Imperio romano de occidente, Flavia Brigantia servía como gran centro de comunicación. Alí estaba acantonada unha cohorte de tropas auxiliares preparadas para saír rapidamente.

Cando o imperio empeza a caer en Brigantia estaba a Cohorte Celtibera que é enviada a Julióbriga na Cantabria, con vistas á defensa das invasións polo Pirineo.

Non volveu a Brigantium a Cohorte Celtibera, destruída polos invasores e a cidade sumiuse no silencio da Historia.

(Pensamos que este texto que atopamos é unha tradución recollida dun artigo de Emilio Fernández López)


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.