Díxome o redactor xefe que pensase algún tema lixeiro, refrescante, que a xente acaba de volver de vacacións e bastantes problemas ten xa co cartón de crédito. Funme a dar unha volta e pregunteilles aos vendedores de xeados que que tal lles ía, cantos polos vendían e bobadas así, pero non vía o modo de escribir un artigo con iso. Entón ocorréulleme mirar as páxinas amarelas, porque cando non se me ocorre nada miro as páxinas amarelas, que teñen de todo, e atopei o teléfono dunha cousa que se chamaba Asociación de Amigos da Claustrofobia. Chamei, dixen que quería escribir algo sobre eles e citáronme nas súas oficinas, situadas no soto dun edificio vello da Costiña dos Anxos.
-Como se lles ocorreu crear esta asociación? -empecei.
-Bo, non foi fácil, en Madrid hai xa asociacións para todos os gustos: Os Amigos da Capa, Os Gordos Satisfeitos, as Sudacas Reunidas, os Partidarios da Psicomotricidade, os Afectados polo Trastorno de Pánico con Síndrome de Agorafobia, etcétera. Tratábase de encher un oco, e despois de mirar o que había e o que non había, ocorréusenos crear a Asociación de Amigos da Claustrofobia. Xa estamos inscritos no Rexistro de Asociacións do Ministerio, pero aínda non recibimos ningunha subvención.
O soto non tiña xanelas e, á parte da porta de entrada, só vin unha especie de gatera da altura dun home de estatura normal, aínda que coas pernas amputadas.
-Onde dá iso? -preguntei.
-A un sumidoiro. Hai xente que o pasa moi mal dentro dos sumidoiros. Usámolo para distinguir ao claustrofóbico do nacemento do vicioso. A claustrofobia, segundo os últimos estudos, é xenética e hereditaria; tamén se pode adquirir ao longo da vida, pero entón trátase dunha desviación, e nós non queremos xente desviada na nosa asociación, sobre todo -agora que estamos a piques de recibir o respaldo da CE, recoñecemento que leva aparellada unha subvención importante. Xa ve, estas oficinas teñen moitas carencias, e só sobrevivimos coas cotas dos nosos afiliados.
-Que farán se conseguen unha subvención?
-Instalarémonos dentro dunha caixa forte.
...
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.