1 de agosto de 2017

Simboloxía e significado das pirámides exipcias

Simboloxía e significado das pirámides exipcias

Non se pode dar unha única interpretación ás pirámides, posto que a súa forma aparece nun contexto moi complexo de ritual fúnebre. As pirámides eran, en realidade, tumbas que simbolizaban a idea de eternidade.

A primeira dedución do significado simbólico das pirámides foi desenvolvida durante o século XIX polo insigne exiptólogo Ernesto Schiaparelli (1856-1928). Fronte ás teorías positivistas que puñan todo o acento na culminación dun proceso técnico, para Schiaparelli a pirámide simbolizaba a enerxía vital do Sol que era transferida ao faraón na súa tumba. Os catro lados da pirámide están orientados en dirección exacta cara aos catro puntos cardinais, o que tamén foi interpretado como unha relación simbólica cara ao número catro, ao que se lle outorgaba propiedades divinas e cósmicas.

A planta cadrada, sobre a que se ergue a pirámide, sintetizaría a relación entre pirámide e cosmos e, por tanto, tamén entre a vida terreal e a divina. Por outra banda, soamente é posible comprender o significado das pirámides dentro do carácter relixioso que imprime o sentido da vida dos exipcios. O esforzo colectivo, necesario para a súa construción, ilustra a disciplina e a organización de todo un pobo.

Sobre o significado e simboloxía das pirámides son ilustrativas e tamén representativas as palabras do exiptólogo James Henry Breasted (1865-1935), referíndose a a Gran Pirámide: «Probablemente, non habería moitos canteiros, nin moitos homes que coñecesen a técnica de construír con pedra cando Khufu-onekh deu os seus primeiros paseos sobre a espida meseta de Gizeh, concibindo o plan fundamental da Gran Pirámide. Así, poderemos comprender a intrépida enerxía do home que ordenou o trazo da base cadrada de 230 metros por lado. Sabía que necesitaría preto de 2,5 millóns de cantos, de 2,5 toneladas cada un, para cubrir este cadrado de 5,3 hectáreas, cunha montaña piramidal de 147 metros de altura. Por isto a Gran Pirámide de Gizeh constitúe un documento da historia da intelixencia humana. Con ela ponse claramente de manifesto o sentido humano de poder soberano. O enxeñeiro logrou conquistar a inmortalidade para si e para o seu faraón, grazas ao seu consumado dominio sobre as forzas materiais.»

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.