24 de outubro de 2016

Fragmento de ¿Que me queres, amor?, de Manuel Rivas

Fragmento de ¿Que me queres, amor?, de Manuel Rivas, escritor nado na Coruña o 24 de outubro de 1957

O pai perdera o seu traballo. Ian para outra cidade. A última vez que o pai deixara de fumar fora o mércores. Colleu a caixa de Lucky e tirouna ao cubo do lixo. Logo cuspiulle enriba. Agora era domingo e, mentres sostiña o volante cunha man, o cigarro da boca buscaba tremente e ansioso a brasa eléctrica do mecheiro do coche.
Na radio escoitábanse os comentarios deportivos. O pai estaba preocupado pola sorte dun equipo e púxose a mover inquedo o dial. A nai tamén estaba preocupada por unha corazonada: todos os outros coches viñan en dirección contraria, lanzando lampexos de advertencia na cinza gris da estrada. No seu lado, asegurada cos pés, levaba unha maceta cunha azalea. No asento traseiro, abrazado a Yoko, o neno miraba con anguria a evasión do día na pantalla do automóbil, os rescoldos do sol no vídeo indolente do horizonte. 
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.