3 de outubro de 2016

Democracia

A democracia (do grego demos, "pobo", e kratos, "goberno", é dicir, "goberno do pobo") é un réxime político no que a soberanía reside no pobo e é exercida por este, deste xeito as decisións de goberno residen na cidadanía.

A democracia directa adoita ser máis dificultosa de manter canto maior é a comunidade que se debe rexer por este sistema, do que deriva a importancia que na actualidade acadou o sistema representativo, consecuencia da decisión entre primar a estabilidade do poder público fronte a primar unha maior e mellor representación de todas as tendencias da sociedade.

Un exemplo é o sistema D´Hont no que o sistema de asignación de escanos beneficia ás dúas forzas máis votadas en detrimento dunha maior representación das minorías. Distinto foi na II República onde a representación das minorías provocou mais inestabilidade dos gobernos.

Hoxe a democracia é tida como a forma máis perfecta de goberno. Pero a cousa non é simple.

A Aristóteles debemos a primeira clasificación das formas de goberno, en función do número de gobernantes. Entre os sistemas mais aceptables estaban a monarquía caracterízase polo goberno dun, a aristocracia polo goberno de poucos, e a república polo goberno da maioría. En todos eles había unha preocupación polo ben común.

A dexeneracións dos modelos citados serían da monarquía, a tiranía; da aristocracia, a oligarquía; e da república, a demagoxia (curiosamente ás veces indicada como democracia).

"Dos gobernos unipersonais adoitamos chamar monarquía ao que vela polo ben común; ao goberno de poucos, pero de máis dun, aristocracia (ben porque gobernan os mellores (áristoi) ou ben porque o fan atendendo ao mellor (áriston) para a cidade e para os que forman a súa comunidade); e cando a maioría goberna mirando polo ben común, recibe o nome común a todos os réximes políticos: república (politeía)
[...]
A tiranía, en efecto, é unha monarquía orientada ao interese do monarca, a oligarquía, ao dos ricos e a democracia, ao interese dos pobres. Pero ningunha delas presta atención ao que convén á comunidade" 
(Aristóteles, Política).

Aristóteles deixa claro que o importante na forma de goberno é o ben común, e decaen cando só hai preocupación polos intereses dunha parte da sociedade.

E isto ven a conto de cousas como as votacións do Brexit, do proceso de paz en Colombia e tantos outros que temos visto e que igoal vemos en novembro.

IS

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.