Texto de Fredric Brown, nado o 29 de outubro de 1906 en Cincinnati, que foi un escritor de ciencia ficción e misterio, coñecido polos seus contos caracterizados por grandes doses de humor e finais sorprendentes.
OS ANIVERSARIOS DE GRANNY
Fredric Brown
Os Halperin eran unha familia moi unida. Wade Smith, un dos dous únicos presentes que non levaban o apelido Halperin, envexábaos, porque non tiña familia. Pero a envexa mergullábase na morna calor do vaso que tiña na man.
Era a festa de aniversario de Granny, o seu octoxésimo aniversario, todos os presentes, fóra de Smith e outro home, se apellidaban Halperin. Granny tiña tres fillos e unha filla; todos estaban alí, e aos tres fillos, casados, acompañábanlles as súas esposas. Contando a Granny eran oito Halperin. Tamén había catro membros da segunda xeración, ou sexa netos, e como un deles levou á súa esposa, sumaban trece en total. Trece Halperin, contou Smith; incluíndolle a el e ao outro estraño, un home chamado Cros, eran quince adultos. Ao principio da festa, asistiron tamén outros tres Halperin máis, bisnetos, pero mandáranos a durmir temperán.
A Smith agradábanlle todos, aínda que agora que os mozos estaban a durmir, o licor fluía libremente e a festa resultaba un pouco ruidosa para o seu gusto.
Todos bebían: mesmo Granny, sentada nunha cadeira semellante a un trono, tiña na man un vaso de xerez, o terceiro da noite. Era unha doce anciá marabillosamente vivaz, pensou Smith. Definitivamente unha matriarca que, con toda a súa dozura, manexaba á familia con puño de ferro dentro dunha luva de veludo.
Smith foi á festa convidado por Bill, un dos fillos de Granny; era o avogado de Bill, e gran amigo seu. O outro individuo alleo á familia, Gene ou Jan Cros, parecía ser amigo dos netos da anciá. No outro lado do salón, Cros falaba con Hank Halperin e Smith estaba a darse conta de que calquera que fose o tema da súa conversa, dexeneraba nunha discusión na que sobresaían as airadas voces de ambos. Confiaba en que non houbese problemas: a festa era demasiado agradable para terminar cunha pelexa.
Pero, repentinamente, o puño de Hank saíu disparado cara á mandíbula de Cros, facéndolle caer de espaladas. A cabeza golpeouse contra o bordo de pedra da cheminea, cun ruído xordo, e o home quedou inmóbil. Inmediatamente, Hank inclinouse sobre Cros, palpándolle o peito. Palideceu e, cando se puxo en pé, exclamou:
- Morto. Oh, Meu Deus, non quixen facelo... pero el dixo...!
Granny xa non sorría. A súa voz soou áspera e insinuante:
- El tratou de pegar primeiro, Hank, eu vino. Todos o vimos, non é así?
Coa última frase volveuse cara a Wade Smith, o único ademais daquel individuo alleo á familia.
Smith moveuse molesto.
- Eu... eu non vin como empezou, señora Halperin.
- Vostede viuno, do mesmo xeito que nós - tronou a anciá. Vostede mirábaos nese momento, señor Smith.
Antes de que Wade Smith puidese responder, Hank Halperin exclamou:
- Ceos, Granny! Síntoo moito, pero iso non é unha resposta. Estou nun verdadeiro apuro. Lembre que pasei sete anos no ring, como profesional. E os puños dun boxeador ou ex boxeador considéranse, legalmente, como armas letais. Aínda que el golpearame primeiro, sería cualificado como homicidio en segundo grao. Vostede sábeo, señor Smith; é avogado. E coñecendo os meus antecedentes, a policía non vai andarse con contemplacións.
- Umm... temo que ten razón - asentiu Smith, con incomodidade -. Pero, non sería mellor que alguén chamase á policía, a un médico ou a ambos?
- Dentro dun momento, Smith - interveu Bill Halperin - Primeiro temos que deixar aclarado isto entre nós. Foi en defensa propia, non é así?
- Cre... creo que si. Non sei...
- Un momento - interrompeu a voz de Granny -. Aínda que fose en defensa propia, Hank está nun aperto. E, ademais, creedes que podemos confiar en Smith unha vez que estea fose de aquí? E o xuízo?
Bill Halperin empezou...
- Pero, Granny, teremos que?
- Bobadas, William. Eu vin o que ocorreu. Todos o vimos: eles dous rifaron, Cros e Smith, e matáronse mutuamente. Cros matou a Smith, e entón, aparvado polos golpes recibidos, caeu e golpeouse na cabeza. Non imos deixar que Hank vaia ao cárcere, non é así, mozos? Non un Halperin, non un de nós. Henry, arranxa ese corpo de tal modo que pareza que interveu nunha pelexa. E o resto de vós...
Os homes Halperin, fóra de Henry, formaron un círculo ao redor de Smith; as mulleres, fóra de Granny, quedaron detrás deles. O círculo pechouse.
O último que Smith viu claramente foi a Granny sentada no seu trono, cos ollos brillando de excitación. E o último que escoitou antes do repentino silencio foi o eco da risa cloqueante de Granny Halperin. Entón, o primeiro golpe aparvoulle.
FIN
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.