19 de outubro de 2016

Fragmento de O Segredo do Humor de Celestino Fernández de la Vega

DOSTOIEVSKI
O coronel Yegor Ilich Rostanew, o personaxe da Alquería de Stepnachikovo, de Dostoievski, novela exemplarmente humorística é, a primeira vista, o mesmo que don Quijote, un personaxe ridículo, grotesco, cómico. A súa inxenuidade é tanta que non pode decatarse dunha situación evidente, clara para todo o mundo: está rodeado de cínicos que explotan a súa bondade. E1 coida todo o contrario: os demais teñen toda a razón e toda a virtude; as faltas e os defectos son seus; tense qué corrixir e aceptalos reproches que lle fan. A situación é completamente cómica pois calquera pode ver que obxectivamente sucede todo o contrario: o coronel incorre nunha provocación cómica por incapacidade de se decatar da situación, é víctima dun falso conflicto provocado pola súa cegueira ridícula, risible. A comicidade da situación medra a medida que progresa o relato, por reiteración e modulación da mesma. Chega ó punto máis alto cando parece que, por fin, o Coronel comprende e se dispón a poñer termo ós seus sufrimentos cantándolle as corenta ó cínico de Foma Fomich, pero o resultado da entrevista con este é todo o contrario do que se agardaba: o coronel, realmente agraviado, déixase convencer de que é o agraviador e en vez de pedir explicacións é el o que as dá e pide perdón e promete enmenda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.