11 de novembro de 2015

Praza de Touros coruñesa.

O edificio que aparece á dereita é a Praza de Touros, que se atopaba entre os camiños que a finais do século XIX chamábanse Novo e de Santa Margarida, que facían as veces de estrada de Castela o primeiro e de Corcubión o segundo.

Actualmente son a Rúa Juan Flórez e a Avenida de Fisterra, que é a que vemos aqui.

O lugar da foto era fácil de determinar para os que non coñecían a existencia da Praza de Touros polo edificio en obras que centra a fotografía e que segue existindo na actualidade.

Parece que a Praza se construíu en 1884 pero non foi estreada ate o ano seguinte. Tiña capacidade para máis de dez mil espectadores.

Serviu para moitos eventos fóra dos taurinos. Desta forma parte dos festexos da cidade e actividades deportivas realizábanse no mesmo. Unha das primeiras fotos que conserva o Real Club Deportivo é unha festa de romanos neste recinto.

A modo de curiosidade citar que en 1934 tivo lugar un estraño suceso, ao lograr un touro desprenderse do estoque, que foi impactar nun espectador que faleceu prácticamente no acto.

Pero os touros non eran un dos espectáculos favoritos dos coruñeses e a Praza acabará por non ter prácticamente uso e ser demolida en 1967.

Esta foto pertence ao I Concurso Coruña en Sepia (2014).
Unha foto aérea da zona pode verse na presentación do II Concurso Coruña en Sepia (2015)

Ningún comentario:

Publicar un comentario