8 de abril de 2015

Fragmento de Expediente Artieda

Expediente Artieda foi escrito por Luis Rei Núñez, nado na Coruña en 1958.

A policía chegou cando eles liscaran en dirección á canteira de Santa Margarida, por iso é máis indignante o do paspán que facilita a súa pista. «Por alí.» Só é algo maior ca min e eu quedaría a repasarlle as costuras se non preferise ver qué sucede fóra. Así que corro detrás dos perseguidores.
Á altura do parque de verán do Casino disparan por vez primeira, sen facer puntería. Logo, trala Praza de Touros, vexo como un dos perseguidos consegue evaporarse nunha calella. Non así o outro, alcanzado nunha perna por unha bala.
O coitado segue correndo, pero os policías xa comprenderon que non se lles vai escapar, así que enfundan as súas armas. Aínda que esteamos máis preto das dez que das nove, queda por estas rúas moita da xente que veu gozar do sol, e iso engádelle dificultades ó avance do ferido.

...

Ningún comentario:

Publicar un comentario