19 de abril de 2015

Fragmento de "Galván en Saor" de Darío Xohán Cabana

Texto de Darío Xohán Cabana Yanes, nado en Roás, na Terra Chá, o 19 de abril de 1952.

Ergueuse o señor Galván coa primeira luzada da alba, e saíu da pousada sen facer ruído. Colleu a moto do ramal, e non a acendeu ata encontrarse fóra da vila, por non turba-lo repouso dos veciños. Na encrucillada de Santor dubidou un instante, colleu a estrada de Lobar e marchou cara á lagoa. Deixou a moto á beira da estrada e, aproveitando valtróns e valados para pasar sen mollarse, meteuse polo rocello de Taluco cara ás fragas que rodeaban a grande lama. Sentiu o poderoso canto do ouriol e viu unha frecha dourada cruzar velozmente por entre os carballos. Ó pouco de andar viu ante si a superficie da lagoa. Non sopraba nin unha airexa de vento, e o sol tiña aínda a cintura cortada polo horizonte. Ollou Galván as augas en dirección ó nacente, e a contraluz pareceulle ver no seu fondo tellados e campanarios, mais foi un intre só, e un dos tellados lembráballe o dunha casa real que moi ben coñecía.

...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.