4 de febreiro de 2014

Leon Arsenal - O Libro Negro (e II)

Leon Arsenal - O Libro Negro (e II)

Todos eran personaxes sedientos de sangue, dunha ou outra forma.
-Hai algo que me intriga: parece difícil crer que tanta xente aceptase estampar a súa firma nun libro que é como un reconto de asasinos.
Aquel home volveu sorrir divertido.
-Vostede subestima a vaidade da xente. Considere que estas páxinas están rubricadas, de puño e letra, por emperadores, reis, estadistas, figuras históricas e algúns ilustres descoñecidos. A posibilidade de asinar o Libro Negro ofréceselle a moi poucas persoas; é como un club moi exclusivo e, por tanto, o seu ingreso nel é unha honra moi cobizada.
-Curioso.
Creo que pasamos horas olleando o Libro Negro; o seu propio dono, que debía coñecelo de memoria, acabou virando a súa cadeira para poder lelo á vez que eu. Había inscricións de todos os séculos e lugares, nunha ducia de alfabetos.
-Observará- comentoume- que as anotacións do final, as deste século, son moito mais abundantes.
-Foi un século sanguento - admitín.
-Bobadas, asegúrolle que, neste século, non hai nada que non fose feito xa con anterioridade. Non, a maior proporción débese á mellora das comunicacións -volveu cara atrás, para mostrarme un poema escrito nun alfabeto oriental-. Esta anotación é do século XVII, conseguila significou unha viaxe de case dous anos. Coas comunicacións actuais, iso cambiou.
-E dígame - pregunteille -, en todo este tempo, o libro estivo en posesión da súa familia?
-Non, claro - sorriu ante min candidez -, dezaoito séculos pesan moito. O Libro Negro pasa normalmente de pai a fillo, pero en todo este tempo houbo moitos cambios, a maioría das veces por extinción de liñas familiares... aínda que se deron casos máis violentos.
-Ben. - levantei o meu maletín e deixeino sobre a mesa. Aquel home volveu axustarse as lentes, esta vez con xesto de asombro.
-Nin por todo o ouro do mundo ? balbuceou -, desprenderíame do Libro Negro.
-Non pensaba ofrecerlle diñeiro - abrín o maletín e mostreille o seu contido -. Orellas de muller momificadas, todas ao lado dereito; un centenar exacto, nin unha de máis, nin unha de menos -puxen sobre a mesa o caderno e o sobre -, fotografías, datas, lugares, datos diversos...
Alzou a man con xesto pensativo.
-Non siga, non siga - sorriu, axustándose as lentes -. Comprendo. Vostede veu a asinar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.