28 de setembro de 2012

Inicio de A PANTASMA, de ENRIQUE ANDERSON IMBERT

ENRIQUE ANDERSON IMBERT - A PANTASMA

Decatouse de que acabara de morrer cando viu que o seu propio corpo coma se non fose o seu, senón o dun dobre, esborrallábase sobre a cadeira e arrastrábaa na caída. Cadáver e cadeira quedaron tendidos sobre a alfombra, no medio da habitación.

Con que iso era a morte?

Que desengano! Quixera pescudar como era o tránsito ao outro mundo e resultaba que non había ningún outro mundo! A mesma opacidade dos muros, a mesma distancia entre moble e moble, o mesmo repicar da choiva sobre o teito... E sobre todo que inmutables, que indiferentes á súa morte os obxectos que el sempre crera amigos!: a lámpada acesa, o chapeu na percha... Todo, todo estaba igual. Só a cadeira volteada e o seu propio cadáver, cara ao ceo raso.
Inclinouse e mirouse no seu cadáver como antes adoitaba mirarse no espello. Que avellentado! E esas envolturas de carne gastada! - Se eu puidese alzarlle as pálpebras quizá a luz azul dos meus ollos ennoblecería outra vez o corpo - pensou.
Porque así, sen a mirada, eses mofletes e engurras, as curvas velludas do nariz e os dous dentes amarelos, mordéndose o beizo exangüe estaban a lle revelar a súa aborrecida condición de mamífero.
-Agora que se que do outro lado non hai anxos nin abismos vólvome á miña humilde morada.
E con bo humor aproximouse ao seu cadáver - gaiola baleira - e foi entrar para animalo outra vez.
Tan fácil era! Pero non puido. Non puido porque nese mesmo instante abriuse a porta e se entrometeu a súa dona, alarmada polo ruído de cadeira e corpo caídos.
- Non entres! - gritou el, pero sen voz.
Era tarde. A muller arroxouse sobre o seu marido e ao sentilo exánime chorou e chorou.
- Cala! botáchelo todo a perder! - gritaba el, pero sen voz.
Que mala sorte! Por que non se lle ocorrera pecharse con chave durante a experiencia. Agora, con testemuña, xa non podía resucitar; estaba morto, definitivamente morto. Que mala sorte!
Axexou á súa muller, case desvanecida sobre o seu cadáver; e ó seu propio cadáver, co nariz como unha proa entre as ondas de pelo da súa muller. As súas tres nenas irromperon á carreira coma se disputásense un doce, frearon de golpe, aos poucos achegáronse e ao intre todas choraban, unhas sobre outras. Tamén el choraba véndose alí no chan, porque comprendeu que estar morto é como estar vivo, pero só, moi só.
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.