12 de febreiro de 2013

A DESOLACION DE SOOM de CLARK ASHTON SMITH


Dise que o deserto de Soom esténdese nun extremo do mundo, de difícil situación xeográfica, entre terras case descoñecidas e outras inimaxinables. Os viaxeiros téñenlle medo porque as súas areas desérticas e movedizas non teñen oasis, e ademais, conta a lenda que alí habitaban horrores indescritibles.

Neste sentido, existen numerosos relatos, cada cal distinto. Algúns din que non é nin visible, nin audible, e outros din que se trata dunha mera quimera de moitas cabezas, cornos e rabos, e unha lingua cun son que é semellante ao tañido das campás en auditorios abovedados durante algún funeral solemne.

Todas as caravanas e aventureiros solitarios que regresaron de Soom contaban relatos estraños; outros nin puideron regresar sequera, e houbo incluso quen se volveu completamente tolo a causa do terror e a vertixe provocados por un espazo infinito e baleiro... En efecto, eran moitos os relatos que existían ao redor dun ser que espiaba furtivamente, ou a todo un exército de mil diaños; falábase de algo que se escondía agardando detrás das dunas movedizas, ou de algo que ruxía e rumoreaba desde a area ou desde o vento, ou se movía invisible nun silencio opresor, ou caía desde o aire como un insecto esmagador, ou bosteza abríndose como un pozo repentinamente ante os pés do viaxeiro.

Pero hai moito tempo existiu unha parella de amantes que chegaron ao deserto de Soom e cruzaron as estériles areas. Descoñecían a existencia do mal por aquelas paraxes, e como atoparan un acolledor edén nos seus respectivos ollos, é posible que non se decatasen de que atravesaban un deserto. E entre todos os que se atreveron a pisar a temible desolación foron os únicos que non regresaron cunha nova historia sobre algo terrible, sobre algún horror que os seguiu ou espiado, algo visible ou invisible, audible ou inaudible.

Para eles non houbo nin quimeras de múltiples cabezas, nin pozos bostezantes, nin insectos monstruosos.

Ademais, nunca puideron comprender as historias que lles relataron camiñantes menos afortunados.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.