26 de febreiro de 2013

Inicio de POR US PELOS (Terra Brava) de Anxel Fole

Cando viñen eu pra eiquí, cáseque todo o mundo falaba do médico don Froilán, xa moi velliño il, que vivía na súa casa de Canedo e que xa iba de anos que non prauticaba a súa profesión. Seica falara con il dúas ou tres veces na feira da Crus.
Unha tarde de maio, aparellei a besta e funo visitar. Quería aconsellarme con il arredor dalgún caso profesional. Tiven que faguer unha legua de camiño.
Vivía nunha casa grande que tiña pola parte traseira un horto un pouco costoso.
Don Froilán estaba sentado na solaina, que daba ó horto. Víase dende alí todo o val de Viduedo. Era parda a tarde, morna e sin vento, como compre ó mes de maio pra que medren os froitos. Andaban as anduriñas a revolexar sobor dos hortos i a chirlar no beiral do tellado. Verdegaba o val ala no fondo, baixo do bafo grisento do río.
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.