18 de marzo de 2012

Fragmento de Sciascia

Unha historia sinxela
Leonardo Sciascia

Título orixinal: Una storia semplice

(...)
—Quen era? —preguntou o inspector.
—Unha persoa que, segundo di, ten que ensinarnos urxentemente unha cousa que descubriu na súa casa.
—Un cadáver? —chanceou o comisario.
—Non, dixo exactamente unha cousa.
—Unha cousa... E como se chama, esa persoa?
O sarxento tomou o anaco de papel no que escribira o nome e o enderezo e leu:
—Giorgio Roccella, na zona de Cotugno, a catro quilómetros do cruzamento para Monterosso, seguindo a estrada da dereita, ou sexa, de aquí.
O inspector volveu da porta á mesa do sarxento, tomou ese anaco de papel e leuno coma se crese que ía a atopar alí algo máis que o que o sarxento dixera.
—Non é posible —dixo.
—Que cousa? —preguntou o sarxento.
—Este Roccella —dixo o inspector— é un diplomático, cónsul ou embaixador non sei onde. Hai anos que non veu por aquí, ten pechada a casa da cidade, abandonada e case en ruínas a do campo, pola zona de Cotugno precisamente... A que se ve desde a estrada: no alto, que parece un fortín...
—Unha antiga alquería —dixo o sarxento—, pasei moitas veces por alí.
—Dentro do cercado, que o fai parecer unha alquería, hai un chalé moi gracioso; ou polo menos érao... Gran familia, a dos Roccella, agora reducida a ese cónsul ou embaixador ou o que sexa... Non pensei sequera que aínda vivise, hai tanto que non o vía.
—Se quere —dixo o sarxento— vou ver que ocorre.
—Non, non, estou seguro de que se trata dunha broma... Mañá, seica, tes tempo e gañas, vai botar unha ollada... A min, pase o que pase, mañá non me busquedes: vou celebrar a festa de San Xosé a casa dun amigo meu, no campo.
(...)

E si, mañá é San Xosé e o Día do Pai.

Ningún comentario:

Publicar un comentario