Os caneiros
A onda cruza aborándose a serena barra, corre pé de Láncara, métese nas xunqueiras inundándolle-los cañigotes, chega á Ponte nova enlamada polo esteiro, recolle alí as augas do Mendo bicando o Carregal, apousa lixeiramente no pozo do Penso, lambe os peiraos da rúa da Ribeira, e cólase ruxindo, escumante, pola Ponte vella, facendo inverte-la corrente do río.
As barcas están xa preparadas; métense os remos nos toletes, móllanse os estrobos, fíncase o bicheiro na orela e bótase a andar.
....
A boite pecha, é calurosa, abafante, e só alá, polo nacente, debuxa unha claridade marela, precursora do amañecer. Destacándose nela, o contorno da vila, calada, morta, debúxase, poderosamente, e só interrompe o silencio o lonxano canto das ras ou algún rouseo de carro.
Na ría, chea outra vez, o corricar dos peixes traza rasgos azulados, fosforescentes, coma ecos daqueloutros lóstregos de luz do noitecer, e as estreliñas, pálidas, fatigadas de mirar para a terra, pestenexan brillantes, desaparecendo unha por unha.
E riba de todo, séntese o afroutado asubío dos mazaricos que volven á barra en longas manadas, enchendo o aire dese suave cando doce e meiguiceiro que tantas tristuras presat ás vagas saudosas paisaxes mariñás.
Morren as estrelas, canta o sirín e o maceirento, e a buguina dos lulos, na baía de Sada, chega tremorosa rompendo a noite.
Amañece.
..............
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.