28 de xuño de 2021

Voluntariado ambiental

Con motivo da celebración do Xacobeo 2021-2022, e co fin de incentivar o espírito solidario no marco desta efeméride, a Consellería de Política Social pon en marcha un novidoso programa de voluntariado ambiental no Camiño de Santiago, que se desenvolverá durante a semana (de luns a venres) nos meses de xullo, agosto e principios de setembro.
A finalidade deste programa é dar a coñecer, por parte das persoas voluntarias, o rico patrimonio natural existente ao pé das diferentes rutas do Camiño de Santiago, co obxectivo de favorecer o seu coñecemento e preservación, así como impulsar un itinerario formativo de sensibilización medioambiental no uso sostible do Camiño.

O programa desenvolverase coas medidas preventivas necesarias e con todas as garantías de seguridade e saúde fronte a Covid-19, limitándose as prazas a 10 persoas por acción en función das quendas sinaladas no calendario, ofrecéndose deste xeito un total de 100 prazas.
 
Os requisitos de participación serán os seguintes:
- Ter 18 anos cumpridos.
- Residir na comunidade autónoma de Galicia.
- Cumprimentar o formulario de participación na web de voluntariado (www.voluntariadogalego.org).

Ningún comentario:

Publicar un comentario