1 de abril de 2020

Novela semanal. Decimoterceira entrega.


Pola porta entra o comisario acompañado por dous policías. Duchamps corre a saudar ao seu amigo. Canto tempo Gérard! Exclama o detective. Pois si, xa pasaron dúas semanas desde que viñeches ao meu despacho, responde o comisario.  Por que vas vestido así? Estabas a traballar de camareiro? Si e non, era un plan de infiltración pensado ao milímetro para entrar desapercibido, contesta Duchamps. Ah, bueno, eu púxenme en camiño cando me avisaron de que un tolo intentara entrar na mansión facéndose pasar polo presidente Macaroni, pero non me deu tempo a nada porque xa me alertaban dun asasinato. Realmente foron dous, pois este tipo matou a un dos escoltas, aclara o detective. Vaia, non terminan de chegar as malas novas. Vexo que lle deches unha boa malleira porque o home xa está a sangrar. Oh, non sabes como me doe a man de tanto darlle!

O comisario achégase ao detido coa cara a tan só cinco centímetros. Sepárase del e dá media volta. Este condenado non vai falar, di o comisario, colocádelle as esposas e levádeo á comisaría. Acatando as ordes, avanzan os dous policías e sitúanse un a cada lado do asasino para colocarllas. Quince segundos despois están todos cruzando pola porta. Quéresme acompañar? Vou interrogar a viúva, pregunta o comisario. Pois non é mala idea, responde o detective.

Chegan ao salón principal e aí está a viúva sentada nun sofá chorando e arroupada polos seus familiares. Señora Reno, son o comisario Dupont e este é o detective Duchamps, aínda que vaia vestido de camareiro. Queremos facerlle un par de preguntas sobre os feitos do día de hoxe. A viúva asinte levemente para indicar a súa disposición. De acordo, di o comisario, en primeiro lugar queremos que nos diga se coñece a vítima. Si, era un amigo íntimo do meu marido. Foron á mesma escola de interpretación antes de ser actores. E non saberá a causa do asasinato? Pensa que podería estar relacionado coa morte do seu marido? A señora Reno baixa a cabeza para ocultar o medo que apareceu na súa mirada. Señora Reno, debe dicirnos todo o que sabe se quere que a axudemos a resolver o caso. Faise un silencio, só interrompido pola respiración dos presentes. De acordo, responde a viúva, que todos saian da sala agás o comisario e o detective.

Continuará...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.