29 de abril de 2020

Novela semanal. Decimoséptima entrega.

Agora si está claro que o coche está a seguilo porque no retrovisor pode ver claramente que os perseguidores teñen os ollos cravados nel. Estes semellan darse conta de que están a dar voltas sen sentido e cambian de plan. Empezan a acelerar para tentar poñerse á altura do Peugeot pero Duchamps pisa o acelerador sacando toda a potencia do seu automóbil. Durante os seguintes cincuenta metros os dous coches circulando case en paralelo, asustando aos condutores que chegan no sentido contrario. Coa esquina do ollo o detective vai vendo que o copiloto está sacando unha pistola do peto da súa chaqueta. Ante o perigo pisa a fondo o freo deixando aos perseguidores adiantalo. Estes tamén fan o mesmo pero xa é tarde porque a presa escapa por unha rúa estreita e cando retroceden ata alí esta xa desapareceu.

Ten o corazón que lle sae pola boca e non para de revisar os espellos, esperando ver ese coche saír por algún lado. Agora sabe que eses asasinos queren facelo desaparecer. En canto chegue a un lugar seguro debe chamar ao comisario para avisalo.

Ao fondo xa observa o edificio que alberga o seu despacho. Aparca nunha praza libre e sae pitando cara ao portal. Abre a porta subindo os chanzos de dous en dous cunha forza renovada. Pecha a corta con chave e saca o móbil para chamar ao seu compañeiro, aínda que cos nervios lle custa atinar na opción correcta. Escóitase o son de espera, que se prolonga por vinte segundas. Non hai resposta pero non se rende e volve a marcar o número do comisario. Pasan os segundos e cando empeza a temer o peor descolgan o teléfono. Duchamps? Por que me chamas? Xusto me pillaches no medio da sesta. Ten coidado Gérard, solta de golpe o detective, os asasinos andan detrás de min e se cadra te teñen no seu punto de mira tamén. Non te preocupes por min, contesta o comisario, non se atreverán a entrar aquí. Se o ves necesario podo encargar a dous dos meus homes que te protexan. Poden saír en cinco minutos e levarán un coche blindado. Ti queda onde estás. Escóitase un disparo. Agora, escóitanse berros mesturados con máis disparos. A voz do comisario vólvese distante, escóitase un toque seco e uns pasos que marchan. Os disparos seguen por outros tres minutos e despois faise silencio. Duchamps agarda outro minuto enteiro a que o comisario colla de novo o teléfono pero ante os malos presaxios finaliza a chamada. Exhausto, toma asento e tapa a cara coas mans para que non lle vexan as bágoas porque, visto o acontecido, non se pode fiar nin das paredes.


Continuará...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.