AS ABOMINACIÓNS DE YONDO
CLARK ASHTON SMITH
A area do deserto de Yondo non é como a dos demais desertos; entre outras cousas, Yondo atópase xusto no bordo do mundo, e ventos estraños que sopran desde un golfo cuxa profundidade non puido determinar ningún astrónomo sementaron os seus campos devastados co po gris de planetas corroídos, e as cinzas negras de soles extinguidos. As montañas escuras e con forma esférica que se elevan sobre unha planicie engurrada e erosionada non son tan só montañas, xa que algunhas son asteroides caídos que se afundiron nesa area abismal. Cousas estrañas xurdiron de espazos remotos, cuxa exploración está prohibida polos deuses de todas as terras decentes e ben gobernadas. Pero
non existen deuses semellantes en Yondo, onde habitan os xenios das estrelas desaparecidas, e os demos decrépitos cuxas casas foron destruídas en infernos xa anticuados.
Raiaba un mediodía de primavera cando por fin conseguín saír do interminable bosque de cactos onde me deixaron os inquisidores de Ong, cando vin aos meus pés o comezo gris das chairas de Yondo. Repito que se trataba das doce da mañá dun día de primavera, pero durante a miña estancia nese bosque fantástico non atopara nada que me lembrase á primavera; a vexetación que fora cortando no meu camiño, inchada, moribunda e medio podrecida, non se parecía aos demais cactos, senón que tiña formas abominables de difícil descrición. O aire estaba densamente cargado de cheiros putrefactos, e os helechos leprosos moteaban a terra negra e a vexetación enroñada cunha
frecuencia cada vez maior. Víboras dun verde pálido levantaban a cabeza dos arbustos de cactos, e observábanme con ollos dun ocre brillante, sen pálpebras nin pupilas. Todo isto inquietoume durante moitas horas; non me gustaban os fungus monstruosos de brazos descoloridos e cabezas dun malva venenoso que crecían aos bordos dos charcos fétidos e a ondada sinistra que cubría as augas amareladas non supuña precisamente un tranquilizante para alguén cuxos nervios estivesen aínda alterados polas torturas recentes. Entón, cando ata os enfermizos e horrendos cactos comezaron a escasear mentres que aparecía xa a area cincenta, comecei a sospeitar ata que punto o meu herexía
espertara un tremendo odio nos sacerdotes de Ong, e a perversidade infinita da súa vinganza.
...
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.