24 de setembro de 2016

Fragmento de A canción do verán

A canción do verán é unha obra de Vicente Araguas, nado en Xuvia (Neda) o 24 de setembro de 1950, músico e escritor galego, un dos fundadores en 1968 do grupo Voces Ceibes.

Eran as seis da tarde cando entramos no xardín de San Carlos. E o aire sombrizo que nel se respiraba contrastaba co brillo do sol, nada disposto a se marchar, presente no exterior, sobre todo na súa caída en horizontal sobre o mar veciño. Non, seguramente aquel fillo de Escocia, da choiva e da treboada non podería ter escollido sitio mellor para o seu derradeiro acougo que alí, en San Carlos, próximo a un mar enseado e entre verdes e sombras.
Ao pé do cenotafio, Pacho andou a tirar mil e unha fotos nalgunha das cales saín eu como quen non quere a cousa. É dicir, disimulando, dado o respecto que me inspiraba o morador do cenotafio. Aínda que, ben pensado, ¿estarían alí os ósos de Sir John Moore? ¿Non serían, se cadra, os dalgún outro soldado morto en Elviña? ¿Non era moi raro que os británicos, tan celosos dos seus heroes, deixaran a un deles en lugar tan exótico? 
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.