Sentados nunha xeadería dos Cantóns vendo pasar as primeiras horas da tarde como unha frecha. As horas da tarde e algún que outro mendiño ou tipo pintoresco dos que A Coruña, sen ser excesivamente pródiga, tamén posúe. Un individuo, co torso espido, mostraba ás claras que o seu estado etílico facía tempo que deixara de ser o óptimo para o lugar e a circunstancia. Un mendiño, coa ollada insolente, fitaba para a copa de xeado disposta diante de Pacho. Chocolate con noces. O meu era de pistacho duro e puro, a penas disturbada a súa transparencia verde por un barquiño ou galleta chantado na parte superior. Por un momento Pacho deixou a mesa para volver cunha revista do corazón (ou do fígado, que din os máis "modernos"). Aparecía a Isabel Preysler do brazo de Boyer, chegando a algún aeroporto.
...
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.