Alfonso non saiu pintor da noite para a mañán, como tampouco chegou a ser un dos mellores contacontos de Galicia por toque divino, senón porque nacera para iso. ¡Máis ollo!, que non so naceu, senón que ademais consagrou a súa vida a cumprir o seu fado xenético, dous atributos que deben ir xuntos para que un home sexa un home, e unha muller unha muller.
Por iso certo día que tocaba colleita de leitugas nas fincas de Don Florencio desapareceu Alfonso e recorreu sete pobos de distancia na ida e algún pobo menos na volta e o regresar foi visto por certos homes cun faxote de follas en branco atados a espalda e un misterioso maletín de coiro na sua delicada man, no cal días máis tarde se descubriu o que contiña.
Estes homes e máis tarde o resto que había na aldea matinaron moito sobre o motivo desta correría, e do conseguinte descanso que se mandou na casa. Abofé non matinarían noutros pobos ou noutras épocas (realmente nestos tempos isto era unha cousa divertidísima), pero ¡que ocasión era esta para que os vellos falasen de a onde chegaría o país con xente preguiceira coma Alfonso, as nais resaltasen as virtudes dos seus laboriosos fillos, e as rapazas alabasen a valentía deses garridos e aventureiros mozos que de vez en cando se destacaban entre a multitude.
Así e todo non tiveron que esperar moito tempo para que se desvelase o qué ocorría na casa de Alfonso polo día, e na súa cabeza pola noite, mentras se supoñía que durmía.
Outro certo día, un Alfonso desmellorado de cara pero intensamente alborozado por dentro, saía da casa e ía mercar pan de centeo a praza de San Manolo, afeitaba as longas barbas a beiras dun río, botaba a remollar unha roupa emporcallada de non se sabía que tipo de colorantes, e ía recoller uns zocos que encargara o galocheiro, volvendo de seguido a casa.
O seguinte día un Alfonso mellorado de cara e intensamente alborozado por dentro volvía saír da casa esta vez moito máis cedo.
E din que alá se botou a andar devagariño pero con firme paso vila adiante cargando o misterioso maletín e levando un sombreiro absurdo e a total discordancia cos demais farrapos que o cubrían, pero que só parecía ser percibido como tal polos veciños, que un a un o ían seguindo rúa tras rúa, primeiro a escondidas, máis tarde con máis cara en cúmulo detrás del, despois pola súa perpendicular, e finalmente diante del, de tal forma que Alfonso non podía seguir camiñando sen tropezar cos pés destes últimos, momento no cal se detivo, detendo con el o resto do pobo que xa se concentraba o seu redor, e levantou a cabeza.
E non por cansancio pero si apercibindo que iso era o que Alfonso esperaba deles, a xente sentouse, ficaron cara el, mandaron calar os que non o facían por voz propia, e, sen máis, o espectáculo comezou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.