20 de xaneiro de 2012

A hora da cultura a escote

O CROWDFUNDING AVANZA COMO VÍA DE FINANCIAMENTO NO PANORAMA CULTURAL GALEGO

Ao longo do último ano están a se multiplicar as iniciativas culturais do país que apostan polo financiamento en masa, ou crowdfunding, como vía para conseguir fondos. Malia a que a proposta de solicitar apoio ao público non é nova, a aparición de plataformas na rede especificamente orientadas a este fin facilita o desenvolvemento de iniciativas e está a popularizar este xeito de funcionamento. No entanto, existen tamén críticas a este xeito de traballo.

O novo disco dos Cempés, a obra Miniaturas, Oiseau Rebelle, ou a campaña Vitaminas para o galego teñen en común o feito de terse financiado en base a pequenas achegas individuais mediante o crowdfunding. Aínda que hai varias plataformas web que serven a este obxectivo, algunhas delas especializadas en iniciativas de carácter ecolóxico ou social ou outras que se vencellan á achega de recursos e traballo para alén das contribución económica, semella que a que está a ter máis éxito no campo cultural galego é Verkami.org. De xeito semellante a outras plataformas deste tipo, os participantes presentan no web o seu proxecto e dispoñen nun espazo para achegar novas, vídeos, comentar a evolución do mesmo ou contactar cos seus donantes e responder as súas dúbidas. Aberto o prazo para conseguir achegar, teñen 40 días para lograr os seus obxectivos financeiros. Se pasado este tempo houbo xente abonda que se comprometeu a colaborar, as doazóns fanse efectivas e a plataforma cobra unha comisión sobre o total. En caso contrario, os cartos non mudan de mans. Como se pode ver, o crowdfunding presenta diferenzas coas doazóns convencionais e mais coa participación como socio nunha iniciativa. Fronte ás primeiras, este modelo garante unha contrapartida, só que se dá en especie e é proporcional á doazón achegada. Fronte ao segundo, supón unha participación puntual e, ao tempo que non esixe unha maior implicación no tempo tampouco permite a toma de decisións sobre a iniciativa correspondente.

Mais

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.