12. Todo pola electricidade
- Señor -dixo o capitán Nemo, mostrándome os instrumentos colgados das paredes da súa camarote-, velaquí os aparellos esixidos pola navegación do Nautilus. Do mesmo xeito que no salón, téñoos aquí baixo os meus ollos, indicándome a miña situación e a miña dirección exactas no medio do océano. Algúns deles sonlle coñecidos, como o termómetro que marca a temperatura interior do Nautilus, o barómetro, que pesa o aire e predicir os cambios de tempo; o higrómetro que rexistra o grao de sequedade da atmosfera; o storm-glass, coa mestura que, ao descomporse, anuncia a inminencia das tempestades; o compás, que dirixe a miña ruta; o sextante, que pola altura do sol indícame a miña latitude, os cronómetros, que me permiten calcular a miña lonxitude e, por último, os meus anteollos de día e de noite que me serven para escrutar todos os puntos do horizonte cando o Nautilus emerxe á superficie das augas.
-Son os instrumentos habituais do navegante e o seu uso éme coñecido -repuxen-. Pero hai outros aquí que responden sen dúbida ás particulares esixencias do Nautilus. Ese cuadrante que vexo, percorrido por unha agulla inmóbil, non é un manómetro?
-É un manómetro, en efecto. Posto en comunicación coa auga, cuxa presión exterior indica, dá tamén a profundidade á que se mantén o meu aparello.
-E esas sondas, dunha nova clase?
-Son unhas sondas termométricas que indican a temperatura das diferentes capas de auga.
-Ignoro cal é o emprego desoutros instrumentos.
-Señor profesor, aquí véxome obrigado a darlle algunhas explicacións. Rógolle escoite.
O capitán Nemo gardou silencio durante algúns instantes e logo dixo:
-Existe un axente poderoso, obediente, rápido, fácil, que se pliega a todos os usos e que reina a bordo do meu barco como dono e señor. Todo se fai aquí pola súa mediación. Alúmame, quéntame e é a alma dos meus aparellos mecánicos. Ese axente é a electricidade.
-A electricidade! -exclamei bastante sorprendido.
-Si, señor.
-Con todo, capitán, a extremada rapidez de movementos que vostede posúe non concorda co poder da electricidade. Até agora a potencia dinámica da electricidade mostrouse moi restrinxida e non puido producir máis que moi pequenas forzas.
-Señor profesor, a miña electricidade non é a de todo o mundo, e iso é todo canto podo dicirlle.
-Ben, non insisto, aínda cando me asombre tal resultado. Unha soa pregunta, con todo, que pode non contestar se a considera vostede indiscreta. Penso que os elementos que empregue vostede para producir ese marabilloso axente deben gastarse pronto. Por exemplo, o cinc como o substitúe vostede, posto que non mantén ningunha comunicacion con terra?
-Responderei á súa pregunta. Direille que no fondo do mar existen minas de cinc, de ferro, de prata de de ouro, cuxa explotación sería certamente posible. Pero eu non recorro a ningún destes metais terrestres, senón que obteño do mar mesmo os medios de producir a miña electricidade.
-Do mar?
-Si, señor profesor, e non faltan os medios de facelo. Eu podería obter a electricidade establecendo un circuíto entre fíos mergullados a diferentes profundidades, a través das diversas temperaturas das mesmas, pero prefiro empregar un sistema máis práctico.
-Cal?
-Vostede coñece perfectamente a composición da auga mariña. En cada mil gramos hai noventa e seis centésimas e media de auga, dúas centésimas e dous terzos aproximadamente, de cloruro sódico, e moi pequenas cantidades de dorro magnésico e potásico, de bromuro de magnesio, de sulfato de magnesio e de carbonato cálcico. Desa notable cantidade de cloruro sódico contida pola auga mariña extraio
eu o sodio necesario para compor os meus elementos.
-O sodio?
-En efecto. Mesturado co mercurio forma unha amálgama que substitúe ao cinc nos elementos Bunsen. O mercurio non se gasta nunca. Só se consome o sodio, e o mar fornécemo abundantemente. Debo dicirlle, ademais, que as pilas de sodio deben ser consideradas como as máis enérxicas e que a súa forza electromotriz é dobre que a das pilas de cinc.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.