As Fundacións Carlos Casares e Cidade da Cultura continuarán en 2011 cos procesos de catalogación e dixitalización do arquivo do escritor Carlos Casares. Pero non será preciso agardar ata o remate do proceso para acceder a parte do arquivo do escritor en Internet. "No primeiro trimestre de 2011", asegura Gustavo Adolfo Garrido, director da Fundación Carlos Casares, "confiamos en que os usuarios poidan consultar parte dos documentos dixitais a través da Biblioteca de Galicia". Serán manuscritos e mecanoscritos que documentan os procesos creativos do escritor.
Garrido destaca, por exemplo, as "máis de nove versións consecutivas da última novela de Casares, O sol do verán, que permiten ver como o escritor cambiou escenarios, nomes, pero tamén engadiu un capítulo enteiro", ou curiosidades como "unha folla cunha tradución da primeira páxina de A illa do tesouro, dos anos 60. Aínda non sabemos se só era un rascuño ou se hai unha tradución máis avanzada nalgures".
En 2011 a Fundación continuará catalogando mecanoscritos e manuscritos "feitos por Carlos en papeis de diversos hoteis", así como a correspondencia. "Eu calculo que a mediados ou finais de ano estará catalogado o 90% do arquivo do escritor", adianta Garrido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.