30 de xuño de 2015

THE DENTIST...

THE DENTIST...

Terceira e última sesión da miña primeira endodoncia. Informe de incidencias:

45 minutos pampo, máis de 70 entradas en boca con diverso instrumental: tornos que botan máis auga que un túnel de lavado, aspersor de saliva que se che leva o escaso aire que podes respirar se tes catarro, espráis acedos, fume (si fume), luces que pitan e quentan sete tipos de masilla, ganzúas explora rendizas modelo Marathon Man, mandíbula tensa (facer panca co meu beizo inferior por punto de apoio non pode ser a mellor opción), encías reventonas cernadas por bandas separamoas sacadas dalgún armariño do marqués de Sade (hoxe non tocou anestesia, but why?)

Durante os interminables tres cuartos de hora de traxín (o que dura un capítulo de House, media final de Champions) que facer?, se pecho os ollos durmo (déficit de soño), se os abro móllomos co acuapark xurásico que hai montado na miña boca, e nin se che ocorra establecer contacto visual co doutor.

Toda frase súa "dóeche?" "iiiiimos aló", etc, é respostada por un nngggnnneeeehhh monocorde que ninguén sabe o que significa pero que el traduce como "eu tiro pradiante".

Cando ao fin (minuto 40) méteche o papeliño azul e diche "morde" antes de puírche as puntas do empaste que obtura o que vén sendo a endodoncia, comezas a sentir o final, respiras, xa se acaba. E así, tras o enxuague, atolondrado, baboso e parvo, levántas coa servilleta de papel en man, buscas as lentes, sorrís malamente ao bo doutor, el despídese co teu nome nos seus beizos, a enfermeira acompáñache ao recuncho de pagar, tiras de billetes novos recentemente collidos do sobre dos imprevistos, pagas o que che diga sen dubidalo, e aínda respondes "pedfecto!" cando pregúnta se o mércores que vén ás cinco vénche ben empezar coa seguinte peza.

DGM

29 de xuño de 2015

Aristóteles

A democracia xurdiu da idea de que si os homes son iguais en calquera respecto, o son en todos.

Aristóteles

28 de xuño de 2015

II CONCURSO CORUÑA EN SEPIA

A Asociación Palaestra e a Asociación de Iniciativas Culturais e Deportivas Universitarias (INCUDE) colaboran por segundo ano nun concurso de fotografía baseado nos cambios experimentados na cidade da Coruña.

A idea é realizar unha fotografía actual do lugar que aparece nas que iremos publicando, de forma que se premiará á mellor serie de fotografías que reflexen os cambios.

Deste xeito invitamos a meditar non só aos participantes, se non a todos os lectores das nosas webs, sobre a evolución da cidade e a transformación dos seus espazos, reflexionando sobre os cambios entre A Coruña do século XX e a do século XXI.

Dende o 1 de xullo publicaremos unha fotografía cada domingo e mércores, finalizando a serie a finais de setembro. En relación ao ano pasado, as vinte e cinco fotografías escollidas nesta edición serán de edificios e ruas mais doados de recoñecer na cidade de hoxe.

As fotografías poden remitirse a incude@udc.es ata o 15 de outubro de 2015.

Coas fotografías realizarase unha pequena exposición.

Ademais haberá os seguintes premios:

1º PREMIO: Trofeo, libro e 100 €
2º PREMIO: Trofeo, libro e 50 €
3º PREMIO: Trofeo, libro e 25 €

27 de xuño de 2015

Fragmento de Males de Cabeza

Un texto de Francisco Alonso Villaverde, nado en Vigo o 27 de xuño de 1963, escritor galego.

Hamburgo, abril de 2000

Estimado Cibrán:

    Imaxino que te sorprenderás bastante ó recibires esta carta. A dicir verdade, nin sequera estou certo de que te vaias decatar de quen son eu, pero iso, a fin de contas, non lle fai importancia ó caso. A nosa relación, que sempre foi ben puntual (vímonos un par de veces e a penas entrecruzamos dúas ou tres palabras, circunstanciais) vén a conto de termos un amigo común: o Milucho. Todo o que eu sei de ti seino por el: que es filólogo, que traballas no servicio de recollida do lixo do concello, que vives só, que estás divorciado, que non tes fillos, que fostes veciños no piso onde residías antes... Todo mo contou o Milucho, tan boa xente, el, e así e todo tan perdido en problemas que non es quen nin de imaxinar. Xa sei que te vas sorprender de que che fale do Milucho a estas alturas, logo de tanto tempo de non saberes nada del; desapareceu da túa vida, e da de todos, mcluída a miña, practicamente da noite para o día. Pero tan certo como iso é que el non tiña amigo máis de seu ca ti, ou mellor dito, non tiña máis amigos ca ti e daquela ten plena confianza na túa persoa.
...

26 de xuño de 2015

Inicio de MARCHA ATRÁS

MARCHA ATRÁS
Burt Filer

O primeiro que viu foi a Sally mirándolle fixamente. Estaba sentada no amplo leito e tiña catro dedos da súa man esquerda introducidos na súa boca. Por algún motivo, envolveuse na saba e mantívoa ao redor do seu corpo co outro brazo, como sorprendida súbitamente por un descoñecido. Fletcher incorporouse.
- Que pasa? Que hora é?
Sentía raro e máis fatigado do normal. A súa voz soara rouca e doíanlle as dúas pernas, a sa e a outra.
- Empezou a marcha atrás - dixo Sally. Os seus dentes castañetearon, como sempre que experimentaba unha intensa emoción. Os seus longos cabelos castaños caeron cara a adiante, cun rizo en vanguardia.
Fletcher inclinou a mirada cara ao brazo que mantiña engarfiado ao redor do seu xeonllo san. Estaba requeimado polo sol e pecoso, tal como agosto adoitaba polo. Pero, de que ano futuro era o agosto que fixera isto? Os dedos estaban embotados, as uñas recomidas, e o propio brazo aparecía dúas veces máis inchado que cando Fletcher deitárase.
Sally agarrou a almofada, parpadeando, ao bordo das bágoas.
- Estás máis vello - dixo -, moito máis vello. Por que o fixeches?
Fletcher apartou a saba e apoiou os pés no chan.
- Non o sei, de verdade que non o sei. Pero din que isto lle cambia a un por completo.
...

25 de xuño de 2015

Aforismos de Leonardo

194.- Non é tan forte o muxir do mar tempestuoso cando o setentrional aquilón axítao en ondas escumantes entre Escila e Caribdis; nin o estrondo de Stromboli ou Mongibello, cando as lapas de xofre, rompendo e abrindo violentamente a gran montaña, fulminan polo aire pedras e terra que escapan xunto coas lapas vomitadas, ou cando as caldeadas cavernas de Mongibello, regurxitando o mal contido elemento (o lume) e lanzándoo á súa rexión propia, levan furiosamente por diante calquera obstáculo que se opón ao seu impetuosa furia... E arrastrado polo meu vivo desexo, ansioso de ver a gran mezcolanza das variadas e estrañas formas creadas pola artificiosa natureza, despois de roldar algún tempo entre umbrosos penedos, cheguei á entrada dunha gran caverna, diante da cal quedei por un intre estupefacto e sen saber o que vía. Despois, arqueando o lombo, cunha cansa man fixa sobre o xeonllo, fixen sombra coa destra ás pestanas que mantiña baixas e pechadas. Encorvándome moitas veces cara a un lado ou outro, trataba eu de discernir algo alá dentro, sen poder logralo, por mor da gran escuridade interior. Despois de estar así por certo prazo, despertáronse en min súbitamente dúas cousas: medo e desexo; medo da ameazadora e escura caverna, desexo de ver se alí dentro, había algunha cousa de milagre. 

24 de xuño de 2015

Cantiga de San Xoan

Meu San Antoño bendito,
como me cases hogano
heiche levar unha vela
coma un fungueiro dun carro.