Vaillard é unha cidade fermosa situada ao lado dun lago de beleza equiparable. Os días son agradables, sen chegar a ser asfixiantes no verán, aínda que no inverno xa ten o seu. As súas xentes son afables pero algo reservadas. O que podes ter por seguro é que te axudarán se ven que estás necesitado.
Con esta descrición a ninguén lle pasaría pola cabeza pensar que nun día espectacular de maio, sen nubes e cunha temperatura agradable duns 22 ºC levásemos xa catro mortes neste mes. Na radio informan que as catro vítimas morreron de distinto xeito: a primeira morreu acoitelada, a segunda morreu de 3 disparos, a terceira caeu desde un quinto piso e a cuarta morreu afogada. A única coincidencia no modus operandi é a colocación dunha nota coas siglas PR ao carón dos cadáveres, di a persoa ao outro lado da radio. Todas eran persoas notables da cidade pero as investigacións non puideron determinar ningunha relación entre as vítimas. Tampouco sabemos se se trata dun asasino solitario ou dun grupo organizado”.
O detective Duchamps apaga a radio e sae da súa casa. Son as 9 da mañá e, como un ritual que leva facendo 15 anos, vai en dirección ao café Moulin d’Or. Dentro, colle un xornal na barra e séntase na súa mesa favorita. Chega o garçon que lle pregunta que vai pedir e el, xa sen levantar o ollo do xornal, pide o de sempre: café cun croissant. Está lendo as viñetas de humor porque xa ten dabondo coas novas sobre os asasinatos e este é o seu momento de descanso. Este chiste si que está ben, pensa Duchamps. Co seguinte case lle sae o leite polo nariz así que decide pousar o xornal na mesa e observar o que sucede na rúa.
Continuará...
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.