7 de xaneiro de 2016

Fragmento de Galicia, de Francisco Fernández del Riego.

Francisco Fernández del Riego naceu en Vilanova de Lourenzá o 7 de xaneiro de 1913, e finou en Vigo o 26 de novembro de 2010.

Pasan despois os viandantes por Cea. Trátase dunha localidade situada en terreo chairo, e nun favorecido cruce de camiños. Partindo de aquí, o Renault chega de contado a Oseira. Ningún mosteiro de Galicia iguala en grandiosidade ao que agora os visitantes contemplan. Os montes que forman a valgada no fondo da cal se estableceu, amosan, a treitos, a súa osamenta granítica núa. Nese fondo ergueuse de primeiras a igrexa, que foi centro dun reducido cenobio. Posteriormente, co andar do tempo, formáronse a aldea e a vecindade ao seu redor. Desde o seu niño isolado, nos flancos da serra Martiñá, creou un sistema de camiños.
Ramón Sanfiz fornécelles novas da historia aos seus acompañantes. O alto val era no século XII un lugar inculto, salvaxe, frecuentado por animais feros. Catro monxes, que procedían de Claraval, xulgado axeitado o sitio para a vida contemplativa, fixeron morada nel. Os frades foron decruando as terras ermas, e levaron a cabo un importante labor de colonización. Medraron os seus bens no decorrer dos anos. O mosteiro, en consecuencia, chegou a acadar un moi significativo protagonismo. O primeiro en favorecer aos monxes foi o emperador Alfonso VII. Deulles terras abondo para que puidesen vivir, e desenvolver a súa actividade monástica.
Os bretóns senten unha especial curiosidade por aquel rei, tantas veces citado por Ramón Sanfiz durante o percorrido. Advírtelles este que xa o avó do emperador, o monarca Alfonso VI, dispensou axuda aos cluniacenses, esparexedores da cultura románica. Pero foi o seu neto quen intensificou
protección aos monxes, cando se produciu a reforma do Císter. A amizade e mailo apoio que lles dispensou Alfonso VII aos cistercienses, propiciou a fundación de importantes mosterios. Foi Galicia, sen dúbida, a máis privilexiada, pola afección do monarca á terra onde naceu e se formou.
A igrexa abadenga é unha das obras cumiantes ergueitas polos frades bernardos na península ibérica. Consérvanse aínda notables restos das primeiras estancias monacais, máis ou menos contemporáneas do grande templo orixinal. Na época barroca realizouse a reconstrucción do vello edificio. A igrexa reconstruída reflecte a mestura de formas foráneas coas suxeridas polas características do país. É renacentista a fachada, que se estima como unha das máis fermosas de Galicia. O templo ten unha xirola desenvolta, un amplo cruceiro a tres naves no brazo maior da cruz no que se desenvolve a súa planta. Ofrecé tamén testemuño de pintura mural pertencente ao barroco. En tempos recentes restauráronse as altas torres, así como boa parte da arquitectura conventual. Ramón Sanfiz lémbralles aos armoricanos que Oseira inspirou a Lamas Carvajal un dos seus mellores poemas, o titulado "O demo e a nai". Tamén o escritor Eduardo Blanco Amor situou no seu escenario algún dos motivos da súa novela Xente ao lonxe.

...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.