9 de decembro de 2015

Fragmento de Papaventos

Papaventos é unha obra de Francisco Xavier Vázquez Álvarez, coñecido como Xavier Queipo, nado en Santiago de Compostela o 9 de decembro de 1957.

Ian alá dous meses desde que soubera o prognóstico da súa doenza oftálmica, que o condenaba á cegueira nun período máximo de seis meses e a ter que rematar canto antes a súa traducción do Ensaio sobre a cegueira. Días atrás, unha semana ou dez días como máximo, Francis visitara ó oculista. Decidira continuar co mesmo oftalmólogo insensible que tempo atrás lle anunciara de xeito tan brutal o seu destino de cego sen remedio coñecido. A escolla fora o resultado dunha meditada reflexión. Se ben era certo que para o seu carácter, educado nunha sociedade distinta, nin mellor nin peor, pero distinta, a exposición que o médico fixera da súa enfermidade, da orixe, da evolución e do fatal prognóstico resultara unha chisca impresionante, se cadra esa franqueza demoledora e sen concesións era típica das sociedades anglosaxonas de relixión protestante, que entendían o exercicio da caridade dun xeito tan distinto. Ademais, por se tratar dunha enfermidade dexenerativa, de instauración aguda pero progresiva, non habería ninguén que puidese ter unha mellor idea da evolución do paciente que aquel que contase na súa bagaxe coas primeiras revisións e coas primeiras análises e o mesmo que aventurara o diagnóstico. 
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.