19 de decembro de 2015

O ESCUDO DA CIDADE, de Kafka

O ESCUDO DA CIDADE

Nun principio non faltou a organizacion nas disposicións para construír a Torre de Babel; unha orde excesiva, quizá. Pensouse demasiado en guías, interpretes, aloxamentos para obreiros e vías de comunicación, coma se dispuxeran de séculos. Neses tempos, a opinión xeral era que non se podía construír con demasiada lentitude; un pouco máis e terian abandonado todo, e  até desistido de botar os cimentos.

A xente razoaba desta maneira: o esencial da empresa é o pensamento de construír unha torre que chegue ao ceo. O demais é do todo secundario. Ese pensamento, unha vez comprendida a súa grandeza, é inesquecible: mentres haxa homes na terra, existirá tamén o forte desexo de terminar a torre. Por conseguinte non debe preocuparnos o futuro. Ao contrario: o saber dos homes adianta, a arquitectura progresou e seguirá progresando; de aquí a cen anos o traballo para o que precisamos un ano farase talvez en poucos meses, e máis resistente, mellor.

Entón, a que esgotarnos agora? Iso tería sentido se tivesemos a esperanza de que a torre quedará terminada no espazo dunha xeración. Esa esperanza era imposible. O máis creible era que a nova xeración, cos seus coñecementos superiores condenase o traballo da xeración anterior e demolese todo o adiantado, para recomenzar. Tales pensamentos paralizaron as enerxías, e pensouse menos en construír a torre que en construír unha cidade para os obreiros.

Cada nacionalidade quería o mellor barrio, e isto deu lugar a disputas que culminaban en pelexas sanguentas. Esas pelexas non tiñan fin; algúns dirixentes opinaban que demoraría moitísimo a construccion da torre e outros que máis valía agardar que se reestablecera a paz. Pero non só en pelexar pasaban o tempo; nas treguas dedicábanse a embelecer a cidade, o que provocaba novas envexas e novas pelexas. Así pasou o espazo da primeira xeración, pero ningunha das seguintes foi distinta; só aumentou a destreza técnica e con ela a ansia guerreira. Aínda que a segunda ou terceira xeración recoñeceu a insensatez dunha torre que chegase até o ceo, xa estaban demasiado comprometidos para abandonar os traballos e a cidade.

En todas as lendas e cantos desa cidade está presente o vaticinio anunciante que cinco golpes sucesivos dun puno xigantesco aniquilarán a cidade. Por esa razón está o puño no escudo de armas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.