-Haberá que estar atentos de agora en diante -respondeu o canadense.
-Pero o molusco por excelencia que destila a perla é a madreperla, a Meleagrina margaritifera, a preciosa pintadina. A perla non é máis que unha concreción nacarada de forma globulosa, que se adhire á cuncha da ostra ou se incrusta nos pliegues do animal. Cando se aloxa nas valvas, a perla é adherente; cando o fai na carne, está solta. Sempre ten por núcleo un pequeno corpo duro, xa sexa un óvulo estéril, xa un gran de area, en torno ao cal vai depositándose a materia nacarada ao longo de varios anos, sucesivamente e en capas finas e concéntricas.
-Pode haber varias perlas nunha mesma ostra?
-Si, hai algunhas madreperlas que son un verdadeiro xoieiro. Falouse dun exemplar que contiña, annque eu permítome dubidalo, nada menos que cento cincuenta quenllas.
-Cento cincuenta quenllas? -exclamou Ned Land.
-Dixen quenllas? Quería dicir perlas. Quenllas... non tería sentido.
-En efecto -dixo Conseil-, pero talvez o señor queira dicirnos agora como se extraen esas perlas.
-Procédese de varios modos. Cando as perlas están adheridas ás valvas arríncanse mesmo con pinzas. Pero o corrente é que se depositen as madreperlas nunhas esterillas sobre o chan. Morren así ao aire libre, e ao cabo de dez días áchanse nun estado satisfactorio de putrefacción. Métense entón en grandes depósitos cheos de auga de mar, e logo ábrense e lávanse. Procédese despois a un dobre traballo. Primeiro, sepáranse as placas de nácar coñecidas no comercio cos nomes de franca prateada, bastarda branca e bastarda negra, que se entregan en caixas de cento vinte e cinco a cento cincuenta quilos. Logo quitan o parénquima da ostra, pono a ferver e o tamizan para extraer até as máis pequenas perlas.
-Depende o prezo do tamaño? -preguntou Conseil.
-Non só do seu tamaño, senón tamén da súa forma, da súa auga, é dicir, da súa cor, e do seu oriente, é dicir, dese brillo suave de visos cambiantes que as fai tan agradables á vista. As máis belas perlas son chamadas perlas virxes ou parangóns. Son as que se forman aisladamente no tecido do molusco; son brancas, xeralmente opacas, aínda que ás veces teñen unha transparencia opalina, e adoitan ser esféricas ou piriformes. As esféricas son comunmente utilizadas para colares e brazaletes; as piriformes, para pendentes, e por ser as máis preciosas véndense por unidades. As outras, as que se adhiren á cuncha da ostra, son máis irregulares e véndense ao peso. Por último, nunha orde inferior clasifícanse as pequenas perlas coñecidas co nome de alxófar, que se venden por medidas e que serven especialmente para realizar bordados sobre os ornamentos eclesiásticos.
-Debe ser moi laboriosa a separación das perlas polo seu tamaño -dixo o canadense.
-Non. Ese traballo faise por medio de once tamices ou cribas cun número variable de buracos. As perlas que quedan nos tamices que teñen de vinte a oitenta buracos son as de primeira orde. As que non escapan ás cribas perforadas por cen a oitocentos buracos son as de segunda orde. Por último, aquelas con as que se empregan tamices de novecentos a mil buracos son as que forman o alxófar.
-É moi enxeñosa esa clasificación mecánica das perlas -dixo Conseil-. Podería dicirnos o señor o que produce a explotación dos bancos de madreperlas?
-Se nos atemos ao libro de Sirr -respondín-, as pesqueiras de Ceilán están arrendadas por unha suma anual de tres millóns de escualos.
-De francos -dixo Conseil.
-Si, de francos. Tres millóns de francos. Pero eu creo que estas pesqueiras non producen xa tanto como noutro tempo O mesmo ocorre coas pesqueiras americanas, que, baixo e reinado de Carlos V, producían catro millóns de francos en tanto que agora non pasan dos dous terzos. En suma pode avaliarse en nove millóns de francos o rendemento xeral da explotación das perlas.
-Falouse dalgunhas perlas soadas cotizadas a moi altos prezos -dixo Conseil.
-En efecto. Díxose que César ofreceu a Servilia unha perla estimada en cento vinte mil francos da nosa moeda.
-Eu ouvín contar -dixo o canadense- que houbo unha dama da Antigüedade que bebía perlas con vinagre.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.